A concellería de Cultura vén de convocar unha nova edición da Festa dos Maios. Será o domingo 1 de maio, no Parque de Miguel Hernández, a partir das 11:30 horas da mañá, coa exposición dos traballos florais e a interpretación das cantigas satíricas. Os maios poden presentarse nas cinco categorías previstas: cónicos, artísticos, cruz de maio, caixa e barco e deben permanecer expostos ata as 20:30. Os interesados en participar xa poden facelo dirixíndose ás oficinas da Concellería de Cultura, sitas no Auditorio, de luns a venres en horario de 8.30 a 14.30 horas. O prazo de inscrición ábrese hoxe e pecharase ás 13 horas do 17 de abril. En caso de choiva, a celebración trasladaríase á Praza da Peixería. |