URBANISMO
O goberno local aproba o proxecto de reforma do parque de Matosinhos, que sairá a contratación por 321.000 euros A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o proxecto realizado polo arquitecto da ARI Iago Fernández para a reforma do parque de Matosinhos, o que implica, na primeira fase, a contorna da escola infantil municipal. O acordo de hoxe implica, de feito, a apertura do proceso de licitación das obras, por importe de 321.706 euros; unha actuación que, polo tanto, comezará en moi poucas semanas, unha vez rematado o proceso de licitación.
05.02.2018. En todo caso, e malia o importante investimento, as obras non son máis que a primeira fase un plan moito máis ambicioso de mellora urbana dunha zona na que ademais de numerosos edificios existe un importante complexo educativo que conforman dous colexios e una gardería. De aí que se decidira iniciar o proxecto, precisamente, pola contorna da escola infantil, xa que é o acceso ao parque e os outros centros (estímase que a diario pasan pola zona unhas catro mil persoas).
O principal obxectivo desta primeira fase é, polo tanto, garantir a accesibilidade e protexer aos peóns. Para conseguilo, o acceso dende Doutor Tourón ata a Escola Infantil converterase nun paseo peonil. As actuais beirarrúas, que teñen pouco máis de medio metro de ancho e moito alto, desaparecerán para quedar todo o paseo ao mesmo nivel e cun firme regular, para o cal se utilizará o formigón tratado como principal materia prima.
Tamén se actuará nos pasos que comunican a Avenida Matosinhos con esta zona. Para salvar a importante diferenza de cota actual, construiranse ramplas de pendente axeitada a fin de permitir un cómodo paso de persoas con problemas de mobilidade ou carros de bebés. Na zona de escaleiras do inicio da Avenida Matosinhos tamén se construirán ramplas e se mellorarán as beirarrúas na área afectada de Doutor Tourón.
O proxecto contempla igualmente unha nova ordenación do tráfico, facilitando que os coches poidan seguir chegando ata as portas da gardería, pero cunha mellor circulación e facendo posible a convivencia cos peóns. Como vén sendo habitual en todo este tipo de obras, o concello aproveitará tamén para renovar as redes de auga e saneamento, o que na zona de Matosinhos ten especial importancia dada a tendencia a sufrir asolagamentos.