DEPORTE
Vilagarcía recibe aos máis de 300 participantes no Campionato Galego de Atletismo Adaptado O Estadio Municipal de Atletismo de Fontecarmoa acollerá mañá un evento deportivo de nivel autonómico. Trátase do Campionato Galego de Atletismo Adaptado no que este ano participan máis de 300 deportistas procedentes de clubs de diversos puntos da xeografía galega. Trátase dun evento organizado polo Club Polideportivo de Educación especial de Vilagarcía coa colaboración da Fundación Municipal de Deportes e a Federación Galega de Deporte Adaptado.
17.05.2017.- A competición comezará ás dez da mañá e está previsto que se prolongue ata as dúas da tarde. Os deportistas irán realizando as distintas probas deportivas adaptadas ás características especiais dos participantes e que serán valoradas por xuíces federativos. Haberá carreiras, salto de lonxitude e lanzamento de peso nas diferentes categorías establecidas en función das características dos deportistas.
Os vencedores irán subindo ao podio e recibindo as medallas ao longo da mañá, a medida que se van concluíndo as probas que está previsto rematen ás dúas da tarde.
Firme posta pola integración a través do deporte
O Campionato Galego de Atletismo Adaptado vense celebrando en Vilagarcía de forma continuada dende hai máis de unha década poñendo de manifesto o apoio do Concello á integración real, normalización e socialización das persoas con discapacidades, neste caso, a través da práctica do deporte.
A elección do Estadio de Atletismo de Fontecarmoa como sede desta competición débese a varias circunstancias destacando a idoneidade das instalacións deportivas e o amplo respaldo que o Concello sempre lle presta á organización poñendo a súa disposición as instalacións e medios municipais, e tamén debido á existencia en Vilagarcía dun importante e dinámico club de deporte adaptado, como é o Polideportivo de Educación Especial