CONCELLO
O goberno local recibe aos representantes da coordinadora veciñal nun encontro de presentación oficial A Coordinadora de Asociacións Veciñais de Vilagarcía presentouse hoxe de forma oficial no Concello. Os representantes dos colectivos integrantes da entidade de recente creación foron recibidos polo alcalde, Alberto Varela, a tenente de alcalde, Tania García, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, que, tras saudar a todos os asistentes e facer a foto de grupo na entrada do consistorio, mantiveron unha xuntanza cos representantes do colectivo na Alcaldía.
26.04.2024.- Dado que, tanto o alcalde como os concelleiros do grupo de goberno xa coñecían persoalmente practicamente a todos os representantes das asociacións debido ao contacto permanente e directo que leva mantendo o goberno local cos colectivos veciñais ao longo destes anos, a reunión de hoxe foi, máis que nada, unha presentación protocolaria da nova agrupación que aglutina a todas as entidades do municipio.
Como xa se dixera no seu día, o goberno local amosouse satisfeito pola creación desta coordinadora, valorándoa como unha iniciativa moi positiva, tanto para fomentar a participación dos veciños, como para optimizar a relación destes co Concello actuando como canalizadora das propostas ou necesidades comúns das distintas zonas do municipio.
Independentemente de que o goberno local seguirá reuníndose e atendendo individualmente a cada asociación para os temas propios de cada unha delas, a partir de hoxe ábrese unha nova liña de traballo a través da coordinadora, que será a encargada de propoñer iniciativas ou tratar asuntos que afectan por igual a todos os colectivos, como por exemplo os convenios para a xestión dos centros socioculturais.
Mantendo o procedemento que se estaba a seguir coas asociacións a título particular, tamén a coordinadora terá liña permanente e constante cos membros do goberno local, cos que se reunirán periodicamente para trasladar demandas e facer seguimento dos temas abordados previamente.