OBRAS E SERVIZOS
O Concello inclúe no plan Máis Provincia a reparación das beirarrúas na rúa Patio Saavedra O goberno local de Vilagarcía incluirá na lista de actuacións a financiar a través do plan Máis Provincia unha nova obra de mellora de accesibilidade. Neste caso, a actuación afectará á rúa Patio de Saavedra, na que se reformarán as deterioradas beirarrúas co obxecto de nivelalas para facilitar o tránsito dos peóns e evitar a creación de bolsas de auga e as conseguintes filtracións cara o soto dun inmoble. Para financiar a intervención proxectada, o Concello solicita á Deputación unha achega de 28.531 euros, o montante total dos traballos a realizar.
22.03.2024.- O goberno local de Vilagarcía responde con esta actuación á petición realizada pola comunidade de propietarios que puxo en coñecemento do Concello os problemas que estaban a sufrir debido ao afundimento da beirarrúa en diversos puntos o que, ademais de supoñer un risco para os peóns, propiciaba a creación de charcos. A maiores, o firme da beirarrúa presentaba un desnivel en baixada cara a fachada dun inmoble, o que provocada que a auga escorrentase cara a parede filtrándose ao baixo e ao soto.
Constatados os feitos cunha inspección dos servizos técnicos municipais, o concelleiro de Obras e Servizos, Lino Mouriño, encargou a redacción do proxecto no que se definen os traballos a realizar. As actuais beirarrúas de lousa hidráulica demoleranse e, tras nivelar e arranxar os servizos que puideran verse afectados polo afundimento (canalizacións de recollida de pluviais, saneamento, auga, etlectricidade…), reconstruirase o pavimento utilizando formigón armado con reforzo de malla electrosoldada. A resistencia deste material faino máis aconsellable xa que, ademais de precisar menos mantemento, a ausencia de desniveis na súa execución resulta máis cómodo e seguro para camiñar. Só se utilizará lousa hidráulica con botóns vermellos nas zonas dos pasos de peóns, sistema que permite ás persoas invidentes identificar as zonas seguras de cruce de beirarrúas.
Unha vez confirmada a inclusión da obra no plan Más Provincia e a concesión da subvención solicitada, o Concello procederá a sacar a contratación os traballos cuxo prazo de execución é de 1 mes.