INFRAESTRUTURAS
O concello eleva a 40 camiños rurais nos que se actuou nos últimos catro anos, tras un novo investimento na rúa Canto, en Sobrán O concello investirá nos vindeiros meses 80.000 euros na reforma integral da rúa Canto, en Sobrán, co que serán xa corenta os camiños rurais nos que se actuou nos últimos catro anos e un investimento que supera o millón de euros. Como na maioría dos casos, a intervención na rúa Canto, moi utilizada especialmente polos residentes de Faxilde, foi consensuada cos veciños, que son os que mellor coñecen as necesidades dos lugares nos que viven. E ao igual que no caso da rúa Xiabre, en Guillán, cuxas obras están a piques de rematar, a do Canto contará cunha achega da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
09.03.2024. Na actualidade, o vial conta cun ancho variable que vai dos 4,7 metros a os 10. Coa actuación prevista, a anchura media será de sete metros, o que sen dúbida redundará nunha mellor seguridade. O camiño ten unha intensidade de tráfico considerable. Sen embargo, o seu estado non é máis doado, a capa de rodadura está deteriorada e no final da súa vida útil, con fendas e fochancas e, nalgúns tramos, cunha rede de drenaxe que é moi antiga e pouco eficaz.
Todo iso vai cambiar radicalmente. En primeiro lugar, será fresado todo o vial, de preto de 300 metros, despois será renovado o sistema de drenaxe, que inclúe a reposición de tapas, e finalmente se estenderá unha nova capa de rodadura cun espesor de 6 centímetros. A actuación, que ten un prazo de execución de tres meses, incrementará notablemente a seguridade do tráfico e facilitará a vida diaria dos veciños da zona.