CONCELLO
A Casa da Cultura de Rey Daviña acollerá a biblioteca infantil e locais para o tecido cultural e asociativo da cidade O traslado da Biblioteca Municipal de Vilagarcía ás flamantes dependencias da rúa Castelao desocupará a metade da superficie da Casa de Cultura da rúa Rey Daviña. O goberno local aproveitará esta circunstancia para optimizar o funcionamento das instalacións culturais e para atender unha vella demanda dos colectivos da cidade. O alcalde, Alberto Varela, anunciou esta mañá que os espazos da Casa da Cultura redeseñaranse para acoller a sección infantil da Biblioteca para e habilitar seminarios e salas polivalentes para uso das entidades culturais e do tecido asociativo do municipio.
29.02.2024.- Aínda que o destino final da Casa da Cultura está claro, a medida non poderá materializarse de forma inminente. Primeiro haberá que adaptar as instalacións aos novos usos e resolver as carencias existentes. A primeira, a correcta insonorización do Salón García, de xeito que a súa utilización non interfira no resto das actividades que poida acoller o edificio, e viceversa. Tamén haberá que garantir a accesibilidade á planta superior da sala de exposicións Antón Rivas Briones e arranxar os problemas de humidade que se rexistran en determinados puntos do inmoble.
Co obxectivo de definir os traballos a realizar, o Concello vén de contratar a redacción dun anteproxecto a Alberto Redondo, o arquitecto autor da Biblioteca. “Quedamos moi satisfeitos co gran traballo realizado na reforma do local da rúa Castelao, e queremos contar nel tamén para o redeseñar a Casa da Cultura”, expuxo o rexedor.
Varela explicou que aínda que inicialmente a nova Biblioteca ten unha zona destinada á sección infantil, para un mellor funcionamento das instalacións e pola propia comodidade dos usuarios, considerouse máis apropiado emprazala noutro edificio. “Todos sabemos que os nenos son nenos, e mantelos calados é moi difícil. E tampouco queremos que a súa actividade interfira ou moleste ao resto dos usuarios, a maioría dos cales son estudantes que acoden ás instalacións a preparar exames ou oposicións e precisan de silencio para estar concentrados”. Ademais, na sección infantil soen desenvolverse espectáculos e actividades de animación á lectura, como obradoiros ou contacontos, que ao atoparse nun espazo propio, poderán celebrarse sen ningún tipo de condicionante.
O alcalde, que compareceu na Casa da Cultura xunto coa concelleira de Cultura, Sonia Outón, lembrou que era un compromiso electoral do seu partido conseguir espazos axeitados nos que as entidades culturais e as asociacións puideran reunirse e desenvolver as súas actividades. “Vilagarcía é un municipio moi dinámico que ten a sorte de contar cun tecido asociativo moi importante, pero moitas desas entidades carecen de locais e os que ten dispoñibles o Concello non sempre chegan para atender as súas necesidades. Era unha demanda que nos viñan trasladando dende hai anos e agora estamos na situación de poder atendela”.
Malia todo, Varela Paz advertiu que, como xa aconteceu coa nova Biblioteca, a reforma da Casa da Cultura terá que cumprir os prazos que conleva. Primeiro, dispor do anteproxecto que permita coñecer o custe da obra -que xa avanzou que será importante-, e logo atopar as vías de financiamento. A iso súmanse os posteriores trámites de elaboración do proxecto de execución, licitación e realización da obra. Contar de antemán co anteproxecto pode axudar a axilizar o proceso xa que o documento é un dos requisitos que se esixen nas convocatorias para acceder a axudas públicas. Deste xeito, tan pronto como vaian abríndose liñas, o Concello presentará a solicitude sen ter que esperar e sen risco a que expire o curto prazo que soen ter.
En relación ao traslado á nova Biblioteca, o rexedor comentou que se contratará unha empresa de mudanza para realizar os traballos baixo a dirección e supervisión do persoal do centro. O Concello opta por esta solución para evitar deixar desatendidas as tarefas ordinarias dos servizos municipais aos que habería que recorrer para realizar a mudanza.