_ Buzón do Alcalde Trámites Administrativos Turismo Enlaces
4O CONCELLO
:VILAGARCÍA TURISMO:
_LA CIUDAD
_THE CITY
voluntariadogalego.org
voluntariadogalego.org
URBANISMO
Vilagarcía, referente do modelo Ágora de recuperación do espazo público para as persoas

Vilagarcía é un referente do Modelo Ágora de recuperación do espazo público para as persoas. Así o manifestaron hoxe o deputado de Mobilidade e Espazos Públicos Uxío Benítez e o de Cooperación Santos Héctor nunha visita á cidade para coñecer a transformación que se está a realizar nas prazas e rúas do concello máis populoso do Salnés grazas aos fondos provinciais. A concelleira de Urbanismo e Mobilidade, Paola María, e o edil de Obras e Servizos, Lino Mouriño, actuaron como anfitrións da visita que os levou polas novas zonas humanizadas no centro urbano, a Praza da Independencia e a Praza de Galicia, e pola rúa Arcebispo Lago, a seguinte na que se actuará a través do Plan Ágora da Deputación.
04.05.2022.- A concelleira de Mobilidade agradeceu aos deputados a súa visita para coñecer in situ o traballo que se está a realizar en Vilagarcía no marco das políticas de recuperación de espazos públicos para a cidadanía que desenvolve o executivo socialista dende hai xa sete anos. Neste senso, a edil salientou que a Deputación Provincial é a principal vía de financiamento de boa parte das grandes actuacións de humanización e accesibilidade que se están a levar a cabo no municipio, tanto a través do Plan Concellos, como do máis recente Ágora, e que se complementa cos fondos europeos aos que accedeu o Concello a través dos programas FEDER, EDUSI ou Next Generation.

María Mochales referiuse ao firme compromiso que teñen Concello e Deputación por “desenvolver modelos de cidades nas que os peóns sexan os verdadeiros protagonistas dos espazos públicos, volvendo a recuperar o terreo que os vehículos lle teñen quitado no último medio século”. A edil comentou que o abordado nos últimos foros e seminarios da Rede de Cidades pola Bicicleta e da Rede de Cidades que Camiñan, das que ámbalas dúas administracións forman parte, “confirma que imos polo bo camiño, que debemos seguir traballando nesta liña de humanizacións para que as rúas volvan a ser espazos seguros e de convivencia da xente, especialmente para os colectivos máis vulnerables, como as persoas maiores ou a infancia”.

A responsable de Urbanismo e Mobilidade tamén agradeceu á Deputación que “permita aos concellos decidir en que queremos investir os fondos do Plan Concellos, o que en Vilagarcía nos permitiu seguir avanzando no modelo de cidade amable e sostible que xa é realidade nos países máis avanzados e que é o que promove e defende tamén a UE”.

Paola María repasou algunhas das obras de humanización e accesibilidade realizadas en Vilagarcía con fondos provinciais nos últimos anos (a Praza de Galicia, Camilo José Cela e contorna de Fexdega), lembrou que está executándose a da Rúa Sobrán (Vilaxoán) e tamén que de forma inminente se levarán a cabo as de mellora de accesibilidade en Doutor Tourón, Marxión e Aquilino Iglesia. A estas súmase a da rúa Arcebispo Lago, a piques de adxudicarse, e que se financiará a través do Plan Ágora, para completar a humanización do centro urbano de Vilagarcía, cuxas rúas visitaron os deputados provinciais hoxe acompañados dos concelleiros vilagarciáns.

En canto ao terreo avanzado en Vilagarcía neste modelo de cidade “por e para os peóns”, a concelleira tamén apuntou intervencións financiadas con fondos europeos, como as humanizacións da Rúa Cervantes (Carril), de Vázquez Leis (Vilaxoán) ou da Praza da Independencia, entre outras.

O deputado Uxío Benítez subliñou que é un orgullo que dende o goberno local vaian na mesma liña que a Deputación para intentar promover a recuperación do espazo urbano para as persoas fronte aos vehículos e anunciou que a vila será protagonista nas novas actividades que realizará a Rede de Concellos Polo Espazo Público. “Vilagarcía axudará a visibilizar que en concellos máis pequenos están a aplicar o modelo de intervención Ágora. Non teño máis que animar ao concello a que sigan a ser valentes e ambiciosos, porque devolver os espazos á xente é unha responsabilidade absoluta e única dos concellos”.

A Deputación, lembrou Benítez, estará dando soporte aos concellos como Vilagarcía con cartos, formación e actividades para seguir dentro do ‘Modelo Ágora’. Destacou que o proxecto da rúa Arcebispo Lago foi presentado á liña de axudas deste plan conseguindo moi boa puntuación e a subvención máxima (100.000 euros) polo cumprimento dos Principios Ágora: O espazo público é un dereito das persoas; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable. “Este proxecto foi un dos só oito en toda a provincia que foron premiados”, destacou Benítez, sinalando a exclusividade da axuda.
O deputado nacionalista lembrou que nestes momentos están inscritos ao Modelo Ágora54 concellos dos 61 da provincia.

Pola súa banda, o deputado de Cooperación Santos Héctor sinalou que a Deputación está a apoiar de forma decidida a transformación que se leva adiante en Vilagarcía. “Os recursos do Plan Concellos, que en Vilagarcía suman nos últimos anos 11 millóns de euros, están a permitir con máis de 60 proxectos toda esta gran transformación”. Héctor apuntou que este ano o Plan Concellos inclúe tamén a liña 1 (de obras) do ano 2023, polo que Vilagarcía recibirá 2.392.420 euros. “O Concello xa ten solicitadas 7 novas obras para este ano, entre elas tres que tamén serán exemplo de transformación: a humanización rúa Aquilino Iglesia Vilariño; a construción do skatepark do Cavadelo, ou a mellora da accesibilidade en Doutor Tourón, Marxión e urbanización O Piñeiriño”, dixo.

Arcebispo Lago: 1.784 metros recuperados máis para as persoas

A humanización de Arcebispo Lago é o proxecto incluído no Plan Ágora. As obras están a piques de adxudicarse coa previsión de comezar de xeito inminente. Esta intervención cambiará a fisionomía dunha das principais arterias do centro urbano, a que une a Praza de Galicia coa Rúa Alexandre Bóveda, na zona da Praza de Abastos. A intervención, realizada nunha superficie de 2.400 metros cadrados, permitirá aumentar para o uso peonil 1.784 metros cadrados de superficie.

O proxecto prevé a eliminación do tráfico rodado continuo, acondicionando a rúa para acoller usos a escala peonil, combinando a circulación e o descanso. Introdúcense zonas verdes e zonas con auga, procurando recrear os hábitats que existían historicamente, xa que era unha zona dominada por marismas e pola que discorría un río. Contempla unha iluminación próxima ó plano do chan e integrada no mobiliario urbano, buscando en todo momento recuperar a relación Barrio Cidade a escala humana, crear espazos para as relacións sociais, fomentar as zonas de estar e a circulación peonil, desterrando o automóbil do centro, e introducindo zonas verdes confinadas en parterres e xardineiras.
4Participación CIDADÁ
_Escribe o teu ALCALDE
_Regulamento de Particip.
_Queixas e Suxestións
Trámites Administrativos
  Municipais / No Municipais
»
4DÍA A DÍA
    Abr 2024  
L
M
X
J
V
S
D
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
         
Congreso Vai de Rúas 2022
P.X.O.M.
voluntariadogalego.org


[Inicio] [Información Turistica] [Trámites Administrativos] [Ordenanzas] [Taboleiro de anuncios] [Buzón de Suxestións]
[Novas Concello] [Axenda Cultural] [Revista Municipal] [Plan Xeral de Urbanismo] [Vilagarcía en cifras]
[Gabinete de Comunicación] [Postales] [Mapa e Rueiro] [Enlaces] [Contacto]

© 2024. Concello de Vilagarcía de Arousa
Praza Ravella, n° 1. 36000 - Vilagarcía de Arousa
- Aviso Legal - Créditos -