_ Buzón do Alcalde Trámites Administrativos Turismo Enlaces
4O CONCELLO
:VILAGARCÍA TURISMO:
_LA CIUDAD
_THE CITY
voluntariadogalego.org
voluntariadogalego.org
CONCELLO
O Concello solicita a Portos a transferencia do Parque de Dona Concha e da explanada e o centro do Preguntoiro

O Concello de Vilagarcía de Arousa pretende obter en titularidade varias parcelas incluídas na actualidade no ámbito de Portos de Galicia pero que, por diferentes cuestións, deixaron de ter un uso relacionado con actividades pesqueiras e portuarias ou se atopan descolgadas das zonas dedicadas a estas. Aproveitando o proceso aberto por Portos de Galicia, o Concello de Vilagarcía vén de remitir a súa proposta de desafectación de cinco parcelas en Vilaxoán. Son o Parque de Dona Concha xunto co vial que o bordea pola zona leste (a Rúa Avelina Nogueira), a explanada do Preguntoiro, o solar que acolle o centro social e deportivo, a illa triangular contigua e os terreos que discorren en paralelo á praia do Castelete. En total suman 24.962,93 metros cadrados.
28.09.2021.- A proposta do Concello de Vilagarcía fundaméntase en que o crecemento do porto de Vilaxoán nas últimas décadas fíxose en base á realización de sucesivos recheos ao mar que deron como resultado algúns espazos residuais que non teñen unha vinculación directa coa actividade pesqueira, están integrados na trama urbana da vila e xa se usan, de facto, como dotacións públicas ou viais.

O caso máis claro é o do Parque de Dona Concha e os viais que o rodean polo leste e o sur. Esta superficie, que suma 13.708,87 metros cadrados, está clasificada como de uso de Interacción Porto-Vila e como Uso de Infraestrutura Básica (viais). Como se sabe non acolle ningún uso portuario posto que se trata dunha zona axardinada, conta cun parque infantil, está equipada co mobiliario urbano correspondente a unha zona de esparexemento que é moi frecuentada pola veciñanza e na que se desenvolven numerosas festas, actividades lúdicas e culturais. En canto aos viais que se propón desafectar (basicamente a Rúa Avelina Nogueira), non son necesarios para o acceso á zona portuaria -que dispón do vial que delimita o parque polo oeste-, están axeitadamente urbanizados e dispoñen de prazas de aparcamento públicas.

Antiga reivindicación municipal e da veciñanza

A explanada do Preguntoiro é unha zona que o Concello e os veciños de Vilaxoán veñen reivindicando dende hai anos para poder crear novos equipamentos públicos convenientemente acondicionados e que dean servizo á veciñanza e aos usuarios da praia. Os 4.410,54 metros cadrados que suma esta parcela non acollen ningún uso portuario, senón que se utilizan como estacionamento público, pese a que o terreo está sen acondicionar nin pavimentar e carece de calquera tipo de ordenación. A maiores, e a favor da proposta municipal, aproveitamento para usos portuarios desta parcela atópase coa dificultade de que a traveso dela accédese a vivendas privadas con fronte á explanada.

Na mesma zona atópase o centro social e deportivo, un edificio de titularidade municipal construído en terreos de Portos mediante nunha concesión administrativa ao Concello. O solar, de 2.399,93 metros cadrados de superficie, está clasificado no DEUP (documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios) como de uso “náutico-deportivo”, de aí que acolla dende a sede do Club de Remo de Vilaxoán.

Nesta mesma zona do Preguntoiro, o Concello tamén demanda para o patrimonio municipal o triángulo de terreo que queda na confluenza da Rúa O Freixo, que se usa como para a reordenación do tráfico e que está clasificada no DEUP como infraestrutura básica. A parcela ten 1.776 metros cadrados, está axardinada e a súa desafectación non dificultaría o acceso rodado ás instalacións portuarias.

Posibilitar a ampliación do carril bici

Por último, o Concello tamén demanda para si a franxa de terreo que discorre entre a Rúa Víctor Pita e a praia canina do Castelete. Trátase dunha tira de 2.666,83 metros cadrados obtidos a través de recheos ao mar e que, ademais de atoparse descolgados do ámbito portuario, tampouco teñen ningún tipo de uso relacionado con esta actividade. De feito, estase a utilizar como zona de esparexemento para os cans, aparcamento e incluso serve de acceso a algunha propiedade privada. A parcela inclúe tanto esta zona de recheo como parte dun vial intregrado na trama urbana, e dende o Concello apúntase que estes terreos son imprescindibles para a futura ampliación do carril bici ata Vilaxoán.

Fora desta proposta queda o parque do Preguntorio, que non cumpriría cos requisitos técnicos fixados por Portos de Galicia para a desafectación, xa que esta suporía crear unha illa de terreo municipal situada en medio do dominio portuario, dado que o vial que da acceso (a Rúa Preguntoiro) é de titularidade do ente autonómico. Esta é a mesma circunstancia pola que tampouco foi posible solicitar a transferencia da Alameda de Carril, rodeada por zonas e viais de uso e titularidade portuarios.

Procedemento de longo percorrido

O procedemento que agora se inicia coa solicitude do Concello aínda ten que percorrer un longo camiño. Portos de Galicia terá que avaliar si procede declarar a “innecesariedade” desas parcelas, en función dos criterios técnicos fixados. En caso afirmativo e da aprobación, primeiro, polo Consello Reitor de Portos, e despois pola Consellería con competencias en materia de Patrimonio, a proposta de desafectación remitiríase á administración xeral do Estado, que debe dar o visto bo en ultima instancia para que os terreos revertan á titularidade municipal.

Un beneficio para a veciñanza

Para o Concello de Vilagarcía obter estas parcelas representaría un importante beneficio para o interese dos veciños de Vilaxoán, en canto a que permitiría levar a cabo actuacións demandadas como o acondicionamento da explanada do Preguntoiro para uso público e de lecer complementario á praia e permitirá ampliar as instalacións do club de remo, tal como demanda o colectivo. Tamén no caso do Castelete sería moi beneficioso contar con eses terreos para continuar coa recuperación da fachada marítima e seguir ampliando o carril bico, como se fixo recentemente no tramo anterior da praia de Canelas.

Nas actuais circunstancias, calquera actuación que pretende o Concello choca cos criterios e intereses de Portos de Galicia.

En canto ao mantemento, estas tarefas xa son asumidas en parte polo Concello, por exemplo no Parque Dona Cocha, onde se encarga do mantemento e conservación de toda a área de recreo, ao igual que da rúa Avelina Nogueira ou da zona da praia canina do Castelete. No que se refire ás novas obrigas que lle corresponderían á administración municipal por facerse coa titularidade, serian perfectamente asumibles en comparación cos importantes beneficios sociais que suporán.
4Participación CIDADÁ
_Escribe o teu ALCALDE
_Regulamento de Particip.
_Queixas e Suxestións
Trámites Administrativos
  Municipais / No Municipais
»
4DÍA A DÍA
    Abr 2024  
L
M
X
J
V
S
D
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
         
Congreso Vai de Rúas 2022
P.X.O.M.
voluntariadogalego.org


[Inicio] [Información Turistica] [Trámites Administrativos] [Ordenanzas] [Taboleiro de anuncios] [Buzón de Suxestións]
[Novas Concello] [Axenda Cultural] [Revista Municipal] [Plan Xeral de Urbanismo] [Vilagarcía en cifras]
[Gabinete de Comunicación] [Postales] [Mapa e Rueiro] [Enlaces] [Contacto]

© 2024. Concello de Vilagarcía de Arousa
Praza Ravella, n° 1. 36000 - Vilagarcía de Arousa
- Aviso Legal - Créditos -