DEPORTE
O Concello remata os novos vestiarios do campo municipal “Mari Paz Vilas” A construción dos novos vestiarios no campo municipal “Mari Paz Vilas” de Bamio xa está rematada e en condicións de entrar en funcionamento. O concelleiro de Deportes, Argimirio Serén, fixo entrega onte das chaves das dependencias ao presidente do club de fútbol de Bamio, Luis Vilas, para que os equipos das distintas categorías que fan uso das instalacións xa poidan utilizar os novos equipamentos nos que o Concello vén de investir 43.708 euros.
18.03.2021.- A actuación realizada consistiu na creación de dous novos vestiarios para equipos cos que complementar aos dous que xa existían, pero que resultaban insuficientes tras a posta en marcha dos equipos femininos do club de Bamio, o que implicaba dispor de instalacións diferenciadas para homes e mulleres de cara aos adestramentos, pero especialmente aos encontros deportivos que enfrontan equipos de diferentes entidades. Ademais do club de fútbol Bamio, tamén fan uso do campo municipal outras entidades como os club de rugby Os Ingleses e algún equipo das categorías inferiores do Arousa, que tamén se beneficiarán da ampliación dos servizos.
As obras executadas pola empresa Oresa consistiron en construír dous vestiarios con aseos baixo a bancada do campo, onde antes se atopaban as oficinas. As instalacións contan coas correspondentes instalacións eléctricas e de fontanería (saneamentos, rociadores, temporizadores, dous termos de auga de 300 litros de capacidade…) para permitir o uso en perfectas condicións. A maiores, a realización desta obra completouse coa construción dunha caseta convenientemente habilitada para acoller as dependencias da oficina e de dous almacéns.
O remate da actuación permitiu xa prescindir da caseta móbil que o Concello instalou a pasada tempadas para actuar como vestiarios provisionais mentres non se remataban as obras.