MULLER
Igualdade informa das estadías de tempo libre para nais soas con fillos e fillas de entre 2 e 12 anos A Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía informa que, a Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, ven de convocar as axudas para estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas. A finalidade destas axudas é facilitarlles ás nais soas, con fillos/as de entre 2 e 12 anos que estean exclusivamente ao seu cargo, o goce dun tempo desligado da súa situación habitual no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer. O prazo de solicitude xa está aberto.
05.04.2019.- As estadías terán unha duración de entre sete e dez días, en réxime de pensión completa, e desenvolveranse preferentemente entre finais do mes de xuño e principios do mes de setembro. A asistencia ao programa das mulleres que resulten beneficiadas deberá ser na compaña dos seus fillo/as menores. Os gastos de aloxamento, en réxime de pensión completa e o traslado serán por conta da Secretaría Xeral de Igualdade.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 2 de maio. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal ou en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora. Os requisitos que deben cumprir as solicitantes para acceder a este programa pódense consultar na orde publicada no Diario Oficial de Galicia do 1 de abril.