CULTURA
A multipremiada “Elisa e Marcela” encabeza o cartel do novo convenio Concello-Agadic “Elisa e Marcela”, a coprodución de A Panadaría co Centro Dramático Galego que narra a historia de dúas mulleres da Coruña que contraeron matrimonio en 1901 e que recibiu xa varios premios dende a súa estrea, será a cabeza de cartel do convenio cultural subscrito entre o Concello e a Agadic para o primeiro semestre o do ano. En total serán cinco as obras a representar, sempre no auditorio e a prezos moi alcanzables, entre marzo e maio. De acordo con ese convenio, a Axencia Galega asumirá sufragará 9.200 euros e o Concello os 7.300 que restan para completar o presuposto total. A programación pactada inclúe drama, comedia, maxia e danza.
09.01.2019.- O programa comezará o 16 de marzo con “A COMPAÑEIRA DE PISO”, unha comedia negra sobre o paso do tempo, a muller, a identidade e a capacidade de reconducir o tren da propia vida e o que sucede cando este descarrila.
O 30 de marzo tocaralle a quenda á citada “ELISA E MARCELA”, na que as cómicas de A Panadaría presentan unha reconstrución irreverente, musical e humorística dun suceso real: a voda de dúas mulleres que casaron na Coruña en 1901. “Elisa e Marcela” recibiu o premio ao mellor espectáculo nos María Casares 2018; tamén os de mellor dirección, texto orixinal e actriz protagonista. A obra foi premiada noutros varios certames, corroborando así o seu mérito como unha das mellores producións galegas dos últimos anos.
“ENTRE SOÑOS” será a terceira das propostas do convenio Concello-Agadic. Trátase dunha obra de baile e música tradicional galega na que a compañía de Fran Sieira representa, a través da danza, a loita vital por acadar os soños que un ten. Será o 13 de abril, tamén no auditorio.
Catorce días despois, o 27 de abril, será o momento da maxia, o humor e o espectáculo máis familiar: “OS CASOS DE SHERLOCK HOLMES”, nos que o mago Cayetano Lledó implicará a todo o público na busca de probas que leven á detención do verdadeiro culpable do roubo dunhas xoias.
O ciclo pactado entre Concello e Agadic concluirá o 4 de maio con “Camiños”, unha produción de Butaca Zero na que se reflexiona sobre o que significa Galicia no século XXI, se os tópicos aínda nos representan, ou que significa a emigración para os galegos, e todo iso mesturando pasado e presente, folk con música electrónica, e selfies con sachos.