OBRAS E SERVIZOS
A praza da verdura será obxecto da seguinte actuación de mellora do mercado público de Vilagarcía O goberno local de Vilagarcía segue no seu empeño de continuar mellorando e modernizando o Mercado Público de Abastos. Coa segunda fase da remodelación integral do edificio principal a piques de rematar, o executivo local está traballando xa na próxima actuación a realizar nas instalacións e que neste caso afectarán á Praza da Verdura. A obra que se vai a levar a cabo será o de arranxo da cuberta do pavillón e precisará dun investimento de 94.385 euros que o Concello financiará a través dos fondos europeos da liña DUSI.
17.05.2018.- Co edificio principal da Praza de Abastos totalmente remodelado, a prioridade agora é a cuberta da nave da verdura, que se atopa en bastante mal estado debido a súa antigüidade. O Concello xa dispón do proxecto de obra, redactado polo Arquitecto Municipal, e a Xunta de Goberno xa lle dou o visto bo.
A actuación ten como obxectivo resolver os problemas de filtracións de auga que rexistra o edificio dende a cuberta debido ás deficientes condicións de estanquidade que presenta e que veñen dadas pola antigüidade e desgaste dos materiais de cubrición e da capacidade impermeabilizante.
O pavillón no que se empraza actualmente a Praza da Verdura é un edificio relativamente actual (dos anos 80) que non ten ningún valor patrimonial e que, pese a ser unha construción independente, no seu día uniuse ao edificio principal da Praza de Abastos. Dado que esta si ten valor histórico e arquitectónico, cando se catalogou a Praza de Abastos tomáronse os dous edificios como un todo, e incluíuse na mesma ficha o pavillón da verdura. Aínda que coas obras da segunda fase de remodelación que están a apiques de rematar, as dúas construcións volven a ser independentes –co que se recuperou a fachada lateral do edificio protexido- a situación mencionada fai preciso informar á Dirección Xeral de Patrimonio da actuación que se pretende levar a cabo. En previsión da lentitude coa que soe resolver este organismo autonómico, o Concello xa lles remitiu o proxecto o pasado 23 de abril co obxecto de ir adiantando a tramitación.
Mentres no se recibe a autorización de Patrimonio, o Concello irá completando os trámites que marcan as directrices europeas para os investimentos incluídos nas liñas DUSI co obxecto de poder licitar a obra tan pronto como se dispoña dos permisos.
Esta actuación permitirá continuar avanzando na modernización e mellora da Praza de Abastos de Vilagarcía, na que en breve rematarán as obras da segunda fase da remodelación integral que afectou ao módulo oeste do edificio principal e no que se investiron uns 600.000 euros. O Concello tamén mellorou o contorno do mercado público completando a humanización do tramo da Rúa García de Caamaño que quedara pendente (no tramo final da desembocadura do río Con).