OBRAS E SERVIZOS
Adxudicadas as obras na cuberta da praza de abastos de Vilaxoán e de recuperación de dous lavadoiros Entre outros asuntos, a Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá acordou adxudicar dúas novas obras. Trátase da mellora da cuberta da praza de abastos de Vilaxoán, adxudicada a Sergonsa por 33.757 euros, e a de recuperación dos lavadoiros públicos de Vilaxoán e Trabanca Badiña que executará Zona de Obra O Rosal cun investimento de 23.249 euros. Os traballos comezarán en ámbolos dous casos tan pronto como se teña notificado o acoro e cumprimentada a documentación para a firma dos contratos. Os dous proxectos fináncianse con cargo aos fondos provinciais do Plan Concellos 2017.
26.02.2018.- A actuación que se levará a cabo nos dous lavadoiros sinalados enmárcase no Plan de Recuperación de Lavadoiros Tradicionais posto en marcha polo Concello co obxecto de recuperar e conservar estas construcións típicas da arquitectura popular, seguindo a liña do goberno socialista de preservar o patrimonio local. O plan comeza por estes dous pilóns pero continuará co obxecto de ir recuperando gradualmente todos os elementos dispersos polo territorio municipal. As obras consistirán na restauración das estruturas de cuberta, no cambio do material da cubrición e na reparación de filtracións.
Nos dous casos proponse a substitución do actual material de cubrición, que non é o orixinal xa que inclúe placas de fibrocemento. Dada a presenza de amianto, o proxecto prevé a retirada deste material por parte de empresa autorizada inscrita no RERA para a manipulación e tratamento de refugallos conforme a normativa específica. Conservaranse as estruturas de pendentes actuais, realizando as reparacións necesarias, para dispor sobre elas novas placas de fibrocemento sen amianto e un remate superior de tella cerámica curva, como era tradicional.
No caso concreto do lavadoiro de Trabanca Badiña, que perde auga debido á presenza de fendas que fan avanzar o seu deterioro, procederase a reparación da estanquidade do pilón.
Catorce empresas concorreron á obra da praza
A obra da cuberta da Praza de Abastos de Vilaxoán é unha actuación moi necesaria para mellorar as condicións de estanquidade do edificio e acabar coas filtracións de auga e os problemas de humidade que rexistra o edificio. Os traballos proxectados, ademais de contribuír a unha mellor conservación do inmoble, conferirán maior comodidade e confort aos usuarios da praza. Un total de 14 as empresas concorreron ao concurso desta obra.