BIBLIOTECAS
Ábrese a inscrición para participar no Club de Lectura Marcapasos O Club de Lectura Marcapasos regresa en outono cunha nova edición baixo a dirección do profesor Augusto Guedes e coa colaboración da Biblioteca Municipal Rosalía de Castro, que proporcionará os libros sobre os que traballarán os participantes nesta interesante iniciativa. Os interesados en formar parte do club deben inscribirse cubrindo o formulario dispoñible na Biblioteca da rúa Castelao. O prazo para anotarse vai do luns 30 de setembro ao mediodía do sábado 5 de outubro. Ofértanse 14 prazas que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición. A inscrición é de balde.
25.09.2024.- Para facer viable o desenvolvemento das reunións nas que se debaterán e analizarán as obras propostas polos membros do club, limítase a 15 (incluído o moderador) o número de participantes, de xeito que todos os asistentes poidan intervir e o intercambio de impresións sobre a obra literaria que estean lendo nese momento sexa fluído e ordenado.
O Club de Lectura “Marcapasos” é unha iniciativa promovida pola Biblioteca e varios amantes da lectura. A proposta pretende potenciar e fomentar o pracer da lectura, animar a coñecer a novos autores e propiciar a tolerancia cara ideas e opinións contrarios aos nosos a través do debate sobre as obras abordadas.
A Biblioteca proporcionará aos integrantes do club os títulos que lerán nas súas casas e sobre os que traballarán posteriormente nas reunións grupais dirixidas polo moderador e que se desenvolverán no Auditorio Municipal. Comezarán o 14 de outubro e celebraranse cada tres semanas, sempre en luns, e a partir das 19.30 horas. Na primeira xuntanza o grupo elixirá as obras literarias coas que traballarán ao longo do curso.