DEPORTE
Os novos vestiarios da piscina municipal están operativos dende hoxe Os flamantes vestiarios da piscina municipal Celestino Briones volven estar operativos dende hoxe mesmo. Os usuarios das instalacións deportivas xa poden facer uso das flamantes dependencias que, tras a reforma realizada polo Concello, gañaron en amplitude, confort e intimidade. O alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Deportes, Carlos Coira, acudiron onte pola tarde á piscina para inspeccionar o estado final da obra e comprobar si todo estaba en perfecto estado para a súa reapertura no día de hoxe, tal e como se anunciara a semana pasada. Tanto o rexedor como o edil salientaron o “cambio espectacular” dos vestiarios e valoraron de forma moi positiva a transformación iniciada na piscina e que se completará coa construción do edificio anexo no que se emprazará o segundo vaso.
04.05.2024.- A reforma dos vestiarios estaba incluída na primeira fase do gran proxecto de ampliación e mellora da piscina municipal que está a executar o Concello. Debido a deficiencias detectadas no transcurso da execución da obra, a reapertura dos vestiarios demorouse algo máis do previsto inicialmente, co obxecto de solucionar estes problemas e garantir, deste xeito, que a obra quedaba en perfecto estado e non sería necesario volver a actuar nas instalacións a curto prazo. Estas operacións sobrevidas supuxeron arranxar a cuberta pata evitar filtracións, renovar os condutos de climatización e mellorar o grupo de presión.
Como xa fixo no seu momento, o goberno local pediu desculpas aos usuarios por esta demora e agradeceu a súa paciencia apuntando que “a espera valeu a pena, como o poderán comprobar a partir de hoxe mesmo, cando xa poderán facer uso duns vestiarios modernos e confortables e coa garantía de non ter que volver a pechar as instalacións para acometer estas actuacións sobrevidas”.
Unha forte aposta para dispor dunhas infraestrutura deportivas modélicas
O proxecto de ampliación e mellora da piscina municipal Celestino Briones suporá un investimento total de 3,7 millóns de euros. Para axilizar a execución dos traballos, a actuación dividiuse en dous lotes, o primeiro dos cales é o que concernía á reforma dos vestiarios. O segundo e máis ambicioso será o da construción do edificio anexo, o que acollerá o segundo vaso e que se comunicará co primeiro a través dun corredor. Unha vez completado o proxecto na súa totalidade, Vilagarcía contará cunha piscina ampla, moderna e adaptada aos requirimentos técnicos e de confort que deben reunir este tipo de instalacións para a práctica deportiva común e para acoller competicións federadas do máis alto nivel.
A da piscina non é a única actuación de relevancia que está a levar a cabo o Concello en materia de mellora das infraestruturas deportivas municipais. Nestes momentos tamén se atopa en avanzado estado de execución a reforma integral do pavillón nº1 de Fontecarmoa, outra das actuacións que viñan demandando os vilagarciáns dende hai anos. O investimento neste outro proxecto ascende a algo máis de 2 millóns de euros.
A estas actuacións hai que sumar outras máis pequenas, pero tamén de gran importancia, como a substitución da herba artificial do Manuel Jiménez e a do campo de Berdón, ou as melloras previstas noutros pavillóns municipais, como o de Carril.