DEPORTE
As obras de renovación de céspede do “Manuel Jiménez” comezarán o 10 de xuño cun presuposto de 266.700 euros A renovación do céspede do campo municipal de fútbol “Manuel Jiménez”, no complexo polideportivo de Fontecarmoa, xa ten data, empresa e presuposto. As obras comezarán, salvo imprevistos, o 10 de xuño, coa intención de que interfiran o menos posible tanto no final de tempada como no arranque dos adestramentos para a seguinte. As obras teñen un prazo de execución de seis semanas, dúas menos do previsto inicialmente, segundo o compromiso adquirido pola adxudicataria como “mellora”. A Xunta de Goberno Local acordou hoxe asignar o proxecto a Mondo Ibérica, SAU, por importe de 266.720 euros, IVE incluído.
29.04.2024. Como queda dito, a intención da Fundación de Deportes, que dirixe Carlos Coira, é causar as menores molestias posibles. Por iso, a previsión é que as obras se retrasen á semana posterior á celebración da fase final do torneo internacional benxamín “Cidade de Vilagarcía”, que organiza o Arousa, sinalado para a fin de semana do 1 e 2 de xuño. Aparte de recoller toda a montaxe do propio campionato, a Fundación necesita tamén uns días para retirar temporalmente porterías, bancos e demais elementos complementarios da práctica deportiva.
Obviamente, as actuacións comezarán co levantamento do actual solo, instalado hai 13 anos e na actualidade no último tramo da súa vida útil, para a continuación arranxar a superficie base, especialmente alí onde se observaron pequenos desniveis, e revisar a rede de drenaxe. Feito isto, será o momento de instalar o novo céspede, de última xeración, de 60 milímetros de altura e homologado polas grandes organizacións deportivas do fútbol e o rugby no mundo: FIFA e Word Rugby.
Como mellora, a empresa comprometeuse a realizar labor de mantemento do campo cada ano e durante catro. Os traballos consistirán no aspirado das micropartículas que poidan estar danando o céspede, o cepillado do mesmo, a descompactación dos gránulos de caucho, a revisión das liñas que marcan as canchas, a limpeza de canlóns, a eliminación de malas herbas ao redor do campo, etcétera; alí onde faga falta, se realizarán novos aportes de caucho. Esas labores de mantemento serán asumidas pola empresa, sen que iso supoña gasto algún para o concello. Ademais, Mondo amplía en catro anos -cando o previsto nos pregos de licitación era solo un- o período de vixencia da garantía.
A renovación do céspede do “Manuel Jiménez” foi un dos principais compromisos adquiridos polo alcalde, Alberto Varela, e o presidente da Fundación, Carlos Coira, cos clubs e deportistas da cidade e especificamente con aqueles que más habitualmente usan este campo. Igualmente, o proxecto forma parte do plan de mantemento e mellora da ampla rede de instalacións deportivas do concello, é o caso da reforma integral do pavillón número 1 de Fontecarmoa ou dos vestiarios da piscina municipal, actualmente en marcha, ou da substitución do céspede no campo de Berdón, xa presupostado e pendentes da aprobación do plan provincial co que será financiado.