CULTURA
Vilagarcía mantén sa a tradición dos maios cunha festa que este ano reunirá medio centenar de composicións florais A Festa dos Maios de Vilagarcía segue gozando de boa saúde, como o demostran as cincuenta composicións florais que exhibirán no Parque Miguel Hernández, os 22 colectivos e persoas a título individual inscritas na edición deste ano. A celebración desenvolverase o mércores, 1 de maio, a partir das 11.30 horas no Parque Miguel Hernández, e contará coa tradicional interpretación das coplas típicas desta festa e a exhibición dos maios. Os traballos deben permanecer expostos ata as 20:30. En caso de choiva, a celebración trasladaríase á Praza da Peixería.
27.04.2024.- Entre os participantes inscritos este ano hai seis ANPAs, unha agrupación, dous centros educativos, unha asociación cultural, a Residencia de Anciás Divina Pastora e once persoas a título individual. Tal e como sinalan as bases, cada participante pode presentar un maio por cada unha das cinco tipoloxías previstas. As máis numerosas son, como sempre, a dos maios cónicos e artísticos (13 traballos de cada modalidade), seguidos dos máis sinxelos das caixas (11 maios), cruces de maio (8) e barcos (5).
Todos os participantes recibirán rosca, e a suma das axudas en metálico oscilarán entre os 30 e os 150 euros en función do número de integrantes do grupo e de si interpretarán ou non coplas. Non se prevé achega económica para as cruces de maio, caixas e barcos que non aporten coplas e conten con menos de 4 persoas.
A modo de anuncio e para ir creando ambiente, os maios xa están presentes nas rúas de Vilagarcía dende onte grazas á decoración elaborada polo servizo municipal de Xardíns que distribuíu grandes maos cónicos por diferentes lugares do centro urbano. Fiúncho, cornos, margaritas, rosas silvestres, ovos, millo, froitas, cortiza de árbores e cunchas son algúns dos materiais naturais utilizados nestes traballos de fonda tradición popular.