XUVENTUDE
O (in)fórmate regresa o 3 de maio para orientar a 400 estudantes sobre as opcións formativas e de futuro laboral A Concellería de Xuventude de Vilagarcía desenvolverá o vindeiro 3 de maio a segunda edición do (in)fórmate, a xornada técnica destinada a informar e orientar ao alumnado dos institutos sobre as opcións formativas das que dispoñen para enfocar os seus estudos con previsión ao futuro laboral. Tras o éxito que tivo a iniciativa o ano pasado, o número de centros que acudirán a dar a coñecer a súa oferta de titulacións aumenta ata os 16, 6 máis que en 2023, contando con universidades, centros de Formación profesional e institutos profesionais.
24.04.2025.- O concelleiro de Xuventude, Álvaro Carou, presentou o programa do (in)fórmate 2024 destacando a súa orientación cara ás novas tecnoloxías e a súa aplicacións aos distintos ámbitos profesionais -tanto Científico como de Humanidades-, así como ás profesións con maior demanda e saída laboral.
O edil tamén se referiu ao interese que esta xornada espertou, tanto entre os centros que queren vir a expoñer as súa carta formativa, entre o alumnado dos institutos e centros do municipio. Orientado a estudantes de 4º da ESO, 1º de Bacharelato, 1º de Ciclos Medios e 1º de Ciclos Superiores de FP, este ano acudirán ao (in)fórmate 400 alumnos e alumnas de 6 centros: os IES Castro Alobre, O Carril e Coratelo Valledor, o CIFP de Fontecarmoa e os CPR Sagrada Familia e San Francisco.
Como o ano pasado, a xornada desenvolverase no Auditorio. Ao longo de toda a mañá, e seguindo un horario e itinerario preestablecido para que a visita flúa e todos os asistentes visiten todos os espazos, o (in)fórmate estrutúrase en catro zonas diferenciadas por temas. A primeira, no distribuidor do Auditorio, será o espazo de difusión e información académica, onde os 16 centros que participan como expositores poderán dar a coñecer a súa carta de estudos.
Profesionais contan a súa experiencia
O alumnado pasará a continuación pola zona de relatorios e coloquios profesionais que se emprazará na sala principal do Auditorio. Alí coñecerán a experiencia de profesionais que destacan en diferentes campos, como a que ofrecerán Fernando Clemente, Licenciado en Ciencias do Mar e responsable de formación, consultoría e recursos humanos en Quickup; e Sara Carrera, xornalista directora de La Voz de la Escuela e coordinadora da Guía de Estudos Superiores de Galicia que publica anualmente La Voz de Galicia.
A zona expositiva e de workshops, instalada no corredor interno do Auditorio, será a terceira pola que pasarán os visitantes. Nela levaranse a cabo diversas exhibicións de tecnoloxía e Intelixencia Artificial a través da mostra interactiva que ofrecerá a UCS, que traerá á xornada de Vilagarcía un brazo robótico e un can robot, así como unha cabeza para a interpretación da linguaxe a través de aplicación da IA.
Tamén neste espazo presentarase a Guía de Estudos Superiores de Galicia para o curso 2024/25 de La Voz de Galicia.
Por último, no exterior do Auditorio emprazarase a zona de intercambio de ideas entre o alumnado, na que a Rede Galega de Dinamización Xuvenil da Xunta de Galicia desenvolverá actividades de dinamización cultural co denominado “Trivial de Xuventude”.