URBANISMO
A humanización do casco mariñeiro de Carril continuará pola rúa Esperanza A rexeneración do núcleo mariñeiro de Carril dará un paso máis coa humanización da rúa Esperanza, a próxima actuación de humanización que ten previsto levar a cabo o Concello de Vilagarcía e que demandaba a veciñanza. Para avanzar neste obxectivo, a Xunta de Goberno Local adxudicou a redacción do proxecto técnico que definirá a intervención a realizar na vía que enlaza nun extremo coa rúa do Carme e polo outro coa avenida Rosalía de Castro. A firma Sólido Estudio Arquitectura será a encargada de deseñar a actuación.
24.04.2024.- A rúa Esperanza está emprazada en medio do casco vello de Carril, polo que ten as características típicas das rúas mariñeiras: estreitas e sinuosas. Para aliviar este efecto, proponse unha intervención de vía de plataforma única que aporte sensación de amplitude, seguindo tamén a estética da rúa do Carme, coa que conecta e que foi peonalizada no ano 2010. Ademais de mellorar a imaxe e revalorizar a zona, a actuación permitirá crear un acceso peonil accesible e seguro dende o Paseo Marítimo, onde nace a rúa do Carme, ata a avenida Rosalía de Castro, onde desemboca a rúa Esperanza. A obra deberá incluír a colocación de elementos vexetais.
A redacción do proxecto adxudicouse por importe de 10.285 euros que se financian nun 90% cunha achega do Plan Ágora da Deputación e nun 10% con fondos municipais. A adxudicataria dispón dun prazo de 2 meses para entregar o documento. A partir de aí, o Concello deberá procurar os fondos para realizar a obra, ben recorrendo a subvencións doutras administracións, ou directamente a través dos orzamentos municipais. Unha vez solucionada a vía de financiamento será cando se poidan licitar os traballos.