CULTURA
O Gato Negro do Carril acolle unha mostra da fundación IgualArte sobre Illas Atlánticas Os salóns do Gato Negro do Carril acollerán dende hoxe e ata o día 30 unha exposición que, baixo o título "Illas Atlánticas de Son e Cor", pretende poñer en valor o parque nacional marítimo terrestre das Illas Altánticas de Galicia a través da mirada dos usuarios da Fundación IgualArte, unha entidade sen ánimo de lucro que atende a persoas con diversidade funcional. A experiencia incluirá, igualmente, una actuación musical. Será o sábado 30, as 12:00 h, co grupo de música folk ‘De tapas’, que a través das súas melodías porá unha exquisita banda sonora á panorámica da Illa de Cortegada, dende a praza da Liberdade.
25.09.2023. O traballo de IgualArte céntrase na idea de que a arte é un dereito que pertence a todos e todas, e que a sociedade debe proporcionar as mesmas oportunidades de ocio, de relación e de formación a todas as persoas que a integran. É o único xeito, argumenta a ONG, de camiñar cara unha integración real e, en definitiva, cara unha sociedade máis plural e con menos prexuízos. A exposición do Carril está composta de dez láminas de 50x70cm; debuxos creados, escaneados e dixitalizados polo grupo Diseñatas da propia fundación. Os motivos son tanto comúns coma particulares de cada illa, tendo sempre presente a visión particular e artística de cada creador.
As actividades en Carril forman parte dun proxecto, "Illas Atlánticas de Son e Cor" que se desenvolve no marco das axudas na área de influencia socioeconómica do parque nacional e con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR)- financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU para os anos 2022-23 (MT821A). A idea é favorecer o acceso e o coñecemento doutras realidades nunha linguaxe universal e poñer en valor este Parque Nacional.