Observaciones |
|
|
Concerto de ADRIÁN COSTA BLUES BAND feat VÍCTOR PUERTAS- Praza da II República
ADRIÁN COSTA BLUES BAND
Cantante e guitarrista nado en Santiago de Compostela, Adrián Costa é un dos representantes máis valorados do blues español. Os seus inicios foron na súa cidade natal aos 13 anos coa banda The Rede Blues Band. En 1999 mudouse a Madrid, xunto co armonicista Marcos Coll, para formar parte da Tonky Blues Band. Uns anos mais tarde, Marcos e Adrián deciden formar un novo grupo co nome de Los Reyes del K.O. Esta formación deu lugar a seis discos e a presenza en numerosos festivais europeos. Despois dunha longa estancia en Berlín, Adrián decidiu trasladarse a San Francisco onde comezou a traballar coa súa banda Adrián Costa Blues Persuasion e a colaborar con grandes artistas. O blues, o funk, e o soul son os trazos máis característicos deste músico aínda que non renega de mesturalos cos seus raices latinas. Un guitarrista cunha voz poderosa que non concibe a música sen o baile. No Vilablues presentarase acompañado polo seu Blues Band con Víctor Puertas ao piano, órgano e harmónica, David Salvador ao baixo e Coque Santos á batería. A formación presentará todas as influencias adquiridas neste últimos tres anos na súa residencia californiana.
VÍCTOR PUERTAS: Asociado a diversos proxectos en torno ao blues e a música afroamericana (Suitcase Brothers; Víctor Puertas & The Mellow Tones; Cool Grinders; Koko-Jean & The Tonics, etc.), Puertas é coñecido como un dos mellores armonicistas da escena de blues en España. Ademais, adquiriu unha crecente proxección internacional tras realizar actuacións en distintos países de Europa e en EE. UU., onde participou xunto ao seu irmán Pere “Santos” Puertas nalgúns dos máis importantes concursos do International Blues Challenge.
A gravación do disco ‘A long way from home’ en Austin, Texas, coa colaboración de Jerry Portnoy e Paul Oscher (ambos os armonicistas da banda de Muddy Waters), supuxo un punto de inflexión na súa traxectoria, que puxo de manifesto a gran apreciación e respecto que Portnoy (en tanto músico veterano lexitimado) ten por el: “Se o mundo fose un lugar verdadeiramente xusto e só os mellores músicos recibisen as maiores recompensas a través do apoio do público e do diñeiro que lle segue, os Suitcase Brothers estarían sumidos na fama e a riqueza”, dixo. |