9. DE COMPRAS
 4 o mercado e a praza
 4 a zona comercial

 

postal



 

 a zona comercial


A zona comercial da cidade abarca dende o Pazo de Vista Alegre ata a rotonda do Ramal, e comprende varias rúas e prazas peonais. A oferta é abundante e moi variada. No campo da moda, conta con comercios de gran tradición, tendas especializadas en determinados estilos (surfer, hippie, hip-hop, etc.) e franquías de marcas nacionais e internacionais. No ramo da alimentación, hai representación das principais cadeas de alimentación nacionais e internacionais, xunto a ultramarinos de atención personalizada e tendas de “delicatessen”. O visitante ten en Vilagarcía practicamente todo o que pode necesitar: droguerías, ferreterías, papelerías, bazares, ópticas, herboristerías, moblerías, florerías, etc, etc. Moitos destes pequenos comercios pertencen á asociación Zona Aberta, que nos últimos anos, e en estreita colaboración co Concello, propiciou unha importante renovación do comercio local e a realización de suxestivas campañas publicitarias. Zona Aberta ofrece vantaxosas condicións de compra ós clientes posuidores da tarxeta da entidade.

Así mesmo, Vilagarcía conta cun centro comercial emprazado nas inmediacións do parque da Xunqueira, que abre de luns a sábado, de 10 a 22 horas. Ademais dun hipermercado, no interior hai bares e cafeterías, xunto a unha representación de varios sectores comerciais: moda, fogar, regalo, coidado persoal, artigos para o ocio e o tempo libre, etc. Os clientes dispoñen de estacionamento subterráneo no propio edificio e facilidades de acceso para os discapacitados físicos.