Achegarse
ó onte e hoxe de Vilagarcía de Arousa esixe unha
aproximación previa a dúas realidades xeográficas
distintas pero complementarias: o Val do Salnés e a Ría
de Arousa.
Vilagarcía atópase situada, en
primeiro término, na cabeceira Norte do Salnés,
unha comarca natural dunhas características que foron celebradas
dende os tempos máis antigos pola fertilidade das súas
terras e a bondade do seu clima. Pero Vilagarcía é,
ante todo, sinónimo de Arousa. E Arousa é a maior
e a máis fermosa das Rías Galegas.
Non é estraño, polo tanto, que
esta privilexiada porción do litoral galaico estivese habitada
dende épocas moi remotas. As figuras de cervos, cazoletas
e círculos dos petroglifos dos Ballotes e Meadelo, ambos
na parroquia de Bamio, datables arredor do segundo milenio a.C.,
son algúns dos vestixios máis antigos de hábitat
nesta zona.
Os castros de Alobre, Carril, Agudín
e Lobeira; o achado nestes recintos de moedas e olería
romanas; as moedas visigóticas do cemiterio de Vilaxoán...
evocan un poboamento continuado do municipio vilagarcián.
O
primeiro documento que se refire a estas terras data do ano 912,
cando o bispo Sisnando cédeas ó poderoso Mosteiro
de San Martiño Pinario, en Santiago. Durante séculos,
os monxes exerceron o seu dominio sobre a antiga Arealonga, ata
que no século XIV unha familia de fidalgos, os Caamaño,
asentou en Rubiáns (hoxe parroquia de Vilagarcía).
Unhas veces aliados co Arcebispo, outras co Rei, e sempre con
vantaxosos enlaces matrimoniais por medio, os Caamaño fixéronse
co dominio da próspera Arealonga para fundar, a mediados
do século XV, o porto e vila de Vilagarcía.
O século XVII foi un momento de esplendor,
con Fernando de Andrade e Soutomaior, descendente dos fundadores
e arcebispo de Compostela, como figura máis relevante.
No XVIII, os Mendoza e Soutomaior lograron o Marquesado e ó
pouco tempo, un mercado franco, que aínda que hoxe se segue
celebrando.
O
XIX foi o século da consolidación de Vilagarcía
como porto e vila cabeceira do Salnés. A cidade foi a primeira
en levantarse contra os franceses, o 12 de maio de 1808, sendo
por iso duramente reprimida. Isto obrigou á súa
reconstrucción e a mirar ó porto como motor do seu
futuro.
En 1873, Vilagarcía converteuse na estación
término do primeiro ferrocarril de Galicia (Santiago-Carril).
O seu carácter de “porto natural de Compostela”
marcou dende entón o seu carácter aberto e cosmopolita,
e por iso non é estraño que en Vilagarcía
se sitúe a primeira referencia documental sobre a chegada
do fútbol a España.
En 1907, a puxante Vilagarcía converteuse
nunha referencia para Galicia, trala cesión da illa de
Cortegada ó rei Alfonso XIII para que nela construíse
un pazo real de verán. Seis anos despois, en 1913, os entón
concellos independentes de Carril, Vilaxoán e Vilagarcía
uníronse para forma-la actual Vilagarcía de Arousa,
unha cidade aberta e mestiza, que lidera unha das comarcas con
maior proxección de Galicia.