CONCELLO
O goberno inicia unha nova rolda de negociacións sobre os presupostos de 2018 O goberno local retoma a vindeira semana as negociacións sobre os Presupostos Municipais de 2018. Despois da primeira rolda de encontros mantida con todos os grupos da oposición durante a segunda semana de xaneiro, o executivo que preside Alberto Varela volverá a sentarse a semana que ven con todos eles de forma individualizada e coa idea de tratar de chegar a acordos que permitan aprobar a planificación económica do Concello para este ano. Como se sabe, o executivo de Varela goberna en minoría polo que a negociación é esencial para acadar os votos necesarios para sacar adiante os presupostos.
09.02.2018.- Tal como se comentou no seu día, en xaneiro o goberno entregou aos representantes a documentación inicial sobre a previsión de ingresos e gastos para o ano 2018, entre outra documentación, a efectos de que dispuxeran da información necesaria para elaborar as súas propostas. Despois de dar un tempo prudente para que procederan ao estudio dos datos e planteasen demandas, agora volveranse a reunir para negociar cales poden ter cabida dende o punto de vista político e técnico no documento que finalmente se eleve ao Pleno.
BNG, EU, Somos e o concelleiro non adscrito xa adiantaron xa hai semanas as súas demandas, o que permitiu ao goberno ir estudándoas con tempo. A última formación en facelo foi PP, que as presentou por rexistro esta mesma mañá.
O importe dos orzamentos para este ano apenas variarán respecto a 2017, situándose lixeiramente por riba dos 26 millóns de euros. Tendo en conta que hai grandes partidas practicamente fixas –persoal, limpeza, alumado, etcétera- nas que pouca variación vai haber, a proposta final do goberno socialista incidirá nos apartados de carácter social e nos que contribuirán a crear o seu modelo de cidade. Como nos dous exercicios anteriores, recolleranse as partidas para as becas universitarias, para o pago do IBI e para a Educación Infantil. Tamén se reservarán investimentos para humanizacións de rúas e prazas, mobilidade e mellora da accesibilidade. E prestarase especial atención á mellora do rural e conservación do patrimonio.