CONCELLO
O Concello solicita á xunta a contratación de 12 socorristas para a temporada de praias O Concello de Vilagarcía está planificando a vindeira temporada de verán. Por este motivo, xa se solicitou á Xunta de Galicia unha subvención para contratar aos 12 socorristas necesarios para cubrir o servizo de vixilancia e salvamento nas tres principais praias do municipio: Campanario (Bamio), O Preguntoiro (Vilaxoán) e A Concha-Compostela. A solicitude faise ao abeiro do Programa de Fomento do Emprego e Mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais 2018.
07.02.2018.-A axuda solicitada á Consellería de Economía, Emprego e Industria para subvencionar parte dos custos salariais das 12 contratacións ascende a 53.536,32 euros, aos que o Concello deberá achegar 1.109,88 euros máis. Coa suma total preténdese contratar a xornada completa durante 3 meses a 12 persoas desempregadas.
O Concello deberá esperar a que a Consellería resolva a convocatoria para coñecer cántos contratos se financian. Posteriormente procederíase a emitir a oferta ao Servizo Público de Emprego para realizar as probas de selección entre os candidatos que reúnan os requisitos entre os que atópase dispor do título homologado. Os contratos deberían iniciarse o 1 de xullo.
Neste punto cómpre lembrar que, na actualidade o Concello de Vilagarcía está formando como socorristas en espazos acuáticos a un grupo de mozos e mozas menores de 30 anos a través do obradoiro de emprego Labor@Xove . Precisamente, o Concello solicitou á Xunta de Galicia a impartición desta especialidade formativa en vista dos problemas que se rexistran cada ano para cubrir as prazas de socorristas de praia debido a carencia de persoas que contan coa titulación requirida, e porque se trata dun oficio.