MEDIO AMBIENTE
Augas de Galicia arquiva dous expedientes de verquidos puntuais da rede de saneamento Augas de Galicia vén de comunicar ao Concello de Vilagarcía o arquivo dos expedientes abertos no mes de setembro por dous verquidos ao mar procedentes das instalacións municipais de evacuación de augas pluviais. O peche das actuacións determinouse tras comprobar o organismo autónomo que as incidencias non eran continuadas e que o Concello atendera xa tiña emendado o problema.
06.02.2018.- O primeiro verquido data do 13 de setembro e produciuse na zona do Porto Deportivo e o segundo, do 21 dese mesmo mes, na zona da Praia da Compostela. A raíz destes casos, Augas de Galicia require ao Concello que acredite as medidas adoptadas para subsanar os problemas detectados. Pola súa banda, a administración local, ademais de atender o requirimento, explica que nas dúas ocasións, tratouse de “incidencias puntuais”. A posterior inspección realizada polo servizo de Control de Verquidos de Augas de Galicia no mes de decembro constata a emenda dos verquidos, polo que o organismo autonómico acorda arquivar os expedientes.
INVESTIMENTO SUPERIOR AOS 600.000 EUROS
Como se sabe, dende hai dous anos e medio o goberno local de Vilagarcía ven realizando numerosas actuacións de mellora das redes de saneamento -tanto da de recollida de augas pluviais como de residuais- co obxectivo de reparar a deficiente situación na que se atopan despois de varios anos sen a execución de obras de mantemento. Esta última circunstancia é a causa de que a obsoleta rede –moi deteriorada pola antigüidade das canalizacións en moitos casos e escasa para atender a demanda das zonas que sufriron un maior crecemento demográfico- se avaríe ou funcione inadecuadamente, o que da orixe aos verquidos a través dos aliviadeiros.
Os investimentos realizados nos dous últimos anos en obras de mellora das redes de saneamento (adquisición de maquinaria nova para pozos de bombeo, ampliación e mellora de tramos de rede, separación de augas residuais e pluviais…) superaron os 600.000 euros.