FESTAS
Vilagarcía volverá a contar en Nadal co atractivo dunha pista de xeo natural de 360 metros cadrados O Nadal en Vilagarcía volverá a contar este ano cunha pista de patinaxe sobre xeo como un dos principais atractivos do Fexturrón que o Concello de Vilagarcía, a través das concellerías de Cultura e Promoción Económica, organiza en Fexdega do 15 de decembro ao 7 de xaneiro. Trátase dunha pista de xeo natural de 360 metros cadrados na que os amantes do patinaxe poderán practicar a prezos reducidos. Ademais haberá descontos para grupos unha xornada de portas abertas para centros de educación especial.
28.11.2017.- Aparte da pista propiamente dita, de 30x 12 metros, a instalación do equipamento inclúe valado perimetral, decoración no teito, monitores e persoal de animación e todo o equipo necesario para os usuarios (andadores, cascos protectores, patíns normais e de dobre cuchilla para nenos). A actividade complementarase con obradoiros e actividades de animación e conta co preceptivo seguro de responsabilidade civil.
CRITERIOS ECOLÓXICOS CERTIFICADOS Ademais de ter xeo natural, a pista que se montará en Fexdega é ecolóxica posto que os seus sistemas inciden no aforro enerxético (consume ata un 40% menos que as pistas de goma), minimiza a cantidade de residuos de embalaxe e usa líquidos refrixerantes ecolóxicos. Todo isto fai que esta instalación conte coa certificación ecolóxica ISO 14001.
A programación completa do Fexturrón presentarase dentro duns días.