CULTURA
“Marcapasos” abre o prazo para inscribirse na terceira edición do club de lectura O Club de Lectura “Marcapasos” comeza unha nova andaina no mes de outubro. A efectos de organizar o grupo que formará parte das actividades a realizar, a Biblioteca Municipal Rosalía de Castro informa de que o prazo para inscribirse vai do 2 ao 10 de outubro. Trátase dunha actividade gratuíta para a que se ofertan 15 prazas que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición. Os interesados poden recoller os formularios nas propias dependencias da Biblioteca en horario de 9 a 21 horas.
30.09.2017.- O Club de Lectura “Marcapasos” é unha iniciativa promovida pola Biblioteca e varios amantes da lectura. A proposta, que este ano chega á terceira edición, pretende potenciar e fomentar o pracer da lectura, animar á lectura de novos autores e propiciar a tolerancia cara ideas e opinións contrarios aos nosos a través do debate sobre as lecturas abordadas. A Biblioteca proporcionará aos integrantes do club os títulos que lerán nas súas casas e sobre os que traballarán posteriormente nas reunións grupais.
Os integrantes do club reuniranse quincenalmente nas dependencias do Auditorio en sesións coordinadas e moderadas polo profesor Augusto Guedes de Castro. Con esta proposta amplíase e a oferta da Biblioteca Municipal dando cobertura a un sector da poboación que xa é lector habitual, pero que quere ir máis aló, que quere afondar nas obras literarias, comentalas e compartir e intercambiar opinións con outros lectores, saber algo máis dos autores ou do contexto no que se escribiron ou desenvolven os textos.
Ademais, o club da un novo enfoque á lectura, que pasa de ser un acto íntimo e persoal que se soe facer de xeito individual, a converterse nunha experiencia colectiva e compartida que resulta moito máis enriquecedora ao confrontar opinións, ideas e permitir o debate.