CONCELLO
A Vía Verde do Salnés acada o apoio Consellería de Medio Ambiente O proxecto da Vía Verde do Salnés que promoven os concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas, foi acollido con grande interese por parte da conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, coa que os alcaldes dos tres municipios se reuniron para expoñerlle a iniciativa e solicitar a colaboración do seu departamento. Tal como esperaban os rexedores, a positiva valoración da posta en marcha da que será a primeira vía verde integramente galega traduciuse no compromiso da Consellería de colaborar economicamente aportando o 35% do custe do proxecto valorado en 565.533 euros.
29.09.2017.- Alberto Varela, Juan Manuel Rey e Víctor Estévez entregáronlle á conselleira un resume do proxecto elaborado pola Fundación de Ferrocarrís Españois para a creación da senda de uso peonil e ciclista aproveitando o trazado ferroviario en desuso entre estas tres localidades. Mato comparte a opinión dos rexedores de que a posta en marcha a Vía Verde do Salnés resultará moi positiva como atractivo turístico para todos os tres municipios, sobre todo tendo en conta que é un produto de turismo sostible, respectuoso co medio, que porá en relevo o medio natural de Galicia e por tratarse ademais dunha senda completamente accesíbel.
Ademais, todos coincidiron en que o ideal sería que a Vía Verde estivese operativa o própximo verán, aínda que recoñeceron que os prazos son bastante xustos.
Previamente ao compromiso da Consellería de Medio Ambiente, o proxecto da Vía Verde xa tiña acadado o respaldo da Deputación Provincial de Pontevedra. Unha vez determinada a porcentaxe coa que contribuirá o departamento autonómico, concretarase a do organismo que preside Carmela Silva. En todo caso, os alcalde anunciaron a súa intención de dirixirse ao Ministerio de Medio Ambiente en busca de financiamento a través das liñas específicas de axudas que ofrece para este tipo de produtos de turismo medioambiental e sostible.
A Vía Verde do Salnés terá una lonxitude de 9,195 quilómetros partindo de Abelle (Rubiáns), pasando por Caldas e rematando na estación de Portas, nas inmediacións da vella azucareira. O trazado repártese entre os 1.795 metros que discorren polo termo municipal de Vilagarcía, os 4.917 de Caldas de Reis e os 2.483 de Portas.
Ao longo do seu percorrido destacan varios lugares e puntos de interese, como o Pazo de Rubiáns, o antigo apeadeiro de Ande, a ponte metálica sobre o Umia ( que se recuperan con estre proxecto) ou a Azucareira de Portas; ademais do atractivo etnográfico e natural co que conta, con exemplos da arquitectura popular típica do rural galego, os minifundios ou o bosque autóctono. Para gozar destes atractivos o proxecto prevé a creación de 3 áreas de descanso e 2 miradoiros.
Ademais de acondicionar a senda en si, o proxecto inclúe a sinalización homologada das Sendas Verde de España, paneis informativos ao inicio final e nos distintos puntos de acceso intermedio; así como con mobiliario, como bancos, papeleiras…