MULLER
Igualdade ofrece 12 prazas para un obradoiro de autocoidado para mulleres A Área de Igualdade- CIM do Concello de Vilagarcía pon en marcha en setembro un obradoiro de auto coidado para mulleres que leva por título "Eu muller, coñézome, cóidome, quérome". A actividade é de carácter gratuíto e está destinada a mulleres de 40 anos en diante. Será impartida por unha psicóloga do Gabinete Gea e ofrécense 12 prazas. As interesadas poden inscribirse a partir do luns, 21 de agosto, e ata o 15 de setembro, presentando a solicitude directamente nas dependencias de Igualdade, ou por correo electrónico ( muller@vilagarcia.gal ), enviando cuberto o formulario que está pendurado no taboleiro desta web.
19.08.2017.- O obxectivo deste obradoiro é dotar ás mulleres dunha serie de recursos cognitivos, afectivos e conductuais que lles permitan un coñecemento de si mesmas, dos seus cambios ao longo do seu ciclo vital, coñecer a súa sexualidade e expresala libremente, tomar consciencia do seu corpo e aceptalo, así como facer fronte a diferentes situacións vitais de xeito saudable.
Cando a muller se coñece e se acepta, entende os seus cambios e procesos, comeza o camiño cara a mellora da auto estima. O auto coñecemento proporciona un poder que lle leva a unha mellor xestión emocional, resolución de problemas, vivencia satisfactoria das súas relacións sociais e de parella e de facer fronte ás situacións de estrés de forma máis positiva.
O obradoiro impartirase do 20 de setembro ao 8 de novembro en 7 sesións de hora e media a celebrar os mércores de 19.30 a 21,00 horas nas dependencias do Gabinete Gea, na Avenida da Mariña.