MEDIO AMBIENTE
Concello e Ecovidrio animan a colaborar na campaña especial de recollida de vidro durante a Festa da Auga A Concellería de Medio Ambiente e Ecovidrio poñen en marcha unha campaña especial de recollida de vidro durante a festa da Auga. Co obxecto de seguir avanzando no reciclado do vidro e en axudar a manter limpa a cidade neste multitudinario evento, distribuiranse 10 contedores entre a zona da praia e a explanada TI para facilitar que a xente deposite neles botellas e vasos.
14.08.2018.- O concelleiro de Medio Ambiente, Lino Mouriño, explicou que entre hoxe e mañá quedarán colocados os 10 iglús de reforzo entre a praia da Concha a explanada TIR, o Parque Miguel Hernández e o do Cavadelo, xa que estas soen sor as zonas onde de celebra o maior número de botellóns durante a noite previa e a mañá do día 16 de agosto e, polo tanto, onde se xera o maior volume de residuos de vidro.
Mouriño prega a colaboración dos asistentes a estas celebracións. “Non require ningún esforzo botar as botellas ou os vasos nos contedores e, pola contra, supón unha gran avantaxa, xa que evitas que se rompan no chan e alguén poida cortarse os pés ou as mans si se caen entre tanta xente”. O dispositivo extraordinario de limpeza que organiza o Concello na xornada do día de San Roque tamén prestará especial atención á campaña de recollida de vidro, xa que a primeira hora da mañá realizarase unha batida exclusivamente para retirar os restos de vidro.