OBRAS E SERVIZOS
Comenzan as obras de mellora do edificio da sala de árbitros das pistas de atletismo .- A construtora CCS comezou hai uns días os traballos de mellora do edificio da sala de árbitros das pistas de atletismo e da zona de almacén contratados polo Concello. A actuación era moi necesaria posto que as instalación se atopaban moi deterioradas debido a falta de mantemento durante anos. Os traballos teñen por obxecto acabar coas filtracións de humidade e mellorar a estética interior e interior das dependencias. A previsión é que estean rematados a mediados de setembro, xusto para o inicio da temporada deportiva.
10.08.2017.- O Concello investirá 43.000 euros nestas obras que se centrarán na restauración e adecuación das instalacións a unhas condicións estéticas e de acabado que cumpran o cometido para as que foron deseñadas.
Entre as actuacións máis salientables que se inclúen nesta obra están a substitución da tella da cuberta por unha nova convenientemente selada e a instalación dunha canaleta de recollida de pluviais na zona posterior do tellado dos aseos e as fachadas e demais elementos exteriores trataranse cun sistema impermeabilizante anti fisuras. Ao pavimento exterior da planta alta daráselle un acabado con pintura para uso en solo e á varanda metálica existente tratarase cunha capa de esmalte.
No interior colocarase un novo falso teito de pladur ou similar e reporanse as pantallas eléctricas. No almacén colocarase unha porta nova e as paredes interiores de todo o edificio rematarase cunha capa de pintura ao silicato.
Coas solucións detalladas mellorarase o aspecto estético e funcional da instalación deportiva e evitarase que continúe a degradación dos materiais.