MULLER
Igualdade organiza un obradoiro de acompañamento ao parto para parellas que estean esperando un bebé A Área de Igualdade do Concello de Vilagarcía pon en marcha no mes de setembro unha novidosa actividade formativa en materia de igualdade e corresponsabilidade que leva por título “Unha viaxe común de 40 semanas e unha vida. Trátase dun obradoiro de acompañamento ao parto dirixido aos dous membros de parellas que estean esperando un bebé. E que ten como obxectivo asesoralos e favorecer a implicación da figura do proxenitor en todas as fases do proceso.
31.07.2017.- O departamento que dirixe Tania García Sanmartín decidiu poñer en marcha esta iniciativa tendo en conta que hoxe en día os programas de preparación á maternidade deben contar coa paternidade, pois xa son moitos os homes e mulleres que reivindican a vivencia dunha paternidade implicada, tanto dende o embarazo como no parto e a crianza.
Este obradoiro de acompañamento ten como obxectivo favorecer o coñecemento dos procesos e cambios físicos e emocionais que sofre a nai durante a xestación, o parto e o postparto, pero con implicación da figura paterna no rol do pai mediante o coñecemento dos procesos e participando activamente neles, corresponsabilizándose no coidado pre, peri e postnatal. Despois do parto, traballaranse aspectos relacionados cos coidados básicos do recén nacido, os seus controis sanitarios a evolución normal e os sinais de alarma.
A actividade será impartido por unha psicóloga e unha matrona e un pediatra.
O obradoiro está dirixido a parellas que se atopen esperando un bebé e que superaran o segundo trimestre de xestación (arredor do sexto mes de embarazo). Terá unha duración de 20 horas (14 durante a xestación e 6 no postparto) Repartiranse en sesións grupais de dúas horas de duración, cada quince días. Impartiranse os martes en horario de 19:390 a 21:30 nas instalacións do Gabinete Gea, na Avenida da Mariña, 26.
O cursiño comezará o 12 de setembro e ofértanse prazas para 8 parellas. A participación é de balde e os interesados deberán formalizar a súa inscrición a partir do 7 de agosto, directamente nas dependencias da Área de Igualdade do Concello ou mediante o correo electrónico muller@vilagarcia.gal . O formulario de inscrición está dispoñible no taboleiro de anuncios da web municipal http://www.vilagarcia.gal