DESENVOLVEMENTO LOCAL
O Concello implanta a “Zona 30” e afianza un modelo de cidade máis pensada para o peón Coa sinalización, tanto vertical coma horizontal, da denominada “Zona 30” o Concello da un paso máis cara un modelo de cidade máis pensada para o peón e menos para os vehículos de motor. En principio, a medida afecta ao casco urbano de Vilagarcía, na contorna das rúas que xa están peonalizadas, pero pronto se estenderá aos cascos de Carril e Vilaxoán e mesmo a zonas do rural onde sexa posible.
10.06.2017. Foron o alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Antonio Pérez Callón, quen protagonizaron o simbólico acto de colocar a primeira sinal de límite de velocidade a 30 kilómetros por hora, no cruce de Juan Carlos I con Gumersindo Nartallo. Ao tempo que se incorporan as novas sinais tamén se están eliminando barreiras arquitectónicas, reagrupando sinais para evitar máis postes, instalando indicadores en columnas de alumado e recolocando mobiliario. Así mesmo, dende esta mesma semana se realizará unha campaña intensiva de repintado de pasos de peóns e para evitar molestias farase preferiblemente de noite.
O alcalde explicou que estas medidas forman parte dun conxunto, que ten que ver co modelo de cidade que se busca, máis humana e accesible, con menos perigos para os peóns, onde estes sexan os verdadeiros protagonistas de rúas e prazas. Neste sentido, Alberto Varela sinalou os distintos acordos con propietarios de terreos para crear aparcamentos disuasorias, as obras de mellora da accesibilidade, como foi o caso das dársenas do Cavadelo, ou a aposta polo transporte público, incluído neste a recuperación do Vaibike! e a instauración do Vaibús!, o bonobús do transporte urbano, e o Vaibús +!, a liña que une sete veces ao día o casco urbano co hospital do Salnés. As obras de humanización previstas, é o caso das prazas de Galicia ou Independencia, completan ese debuxo da Vilagarcía do futuro.