CONCELLO
O autobús ao hospital duplica o número de viaxeiros na súa segunda semana de funcionamento O VaiBus Plus, o servizo de transporte colectivo ao Hospital do Salnés, evoluciona moi favorablemente dende a súa posta en marcha o pasado 23 de maio. Na súa segunda semana de servizo, esta liña específica de autobús case duplicou o número de usuarios respecto á primeira, chegando a rexistrar unha media de 50 viaxeiros ao día. Tanto a empresa Benito Abalo como o Concello valoran moi positivamente os datos, máis aínda, cando por lóxica prevese que a utilización do VaiBus Plus siga medrando a medida que aumenta o coñecemento do servizo por parte dos potenciais usuarios.
07.06.2017.- Os sete servizos de ida e volta entre Vilagarcía e o Hospital do Salnés puxéronse en marcha o pasado 23 de maio grazas ao convenio subscrito entre o Concello de Vilagarcía e a empresa Benito Abalo. O Concello decidiu subvencionar o servizo co obxecto de atender unha demanda histórica do municipio, que só contaba con dúas conexións ao Hospital, o que non resultaba eficaz para as persoas que acudían as consultas médicas debido as horas de espera entre autobús e autobús.
O Concello tamén decidiu investir nesta iniciativa no marco das políticas de mobilidade que está a levar a cabo para promover o uso do transporte colectivo e medios alternativos de transporte, e nas que encaixan iniciativas como o bono transporte urbano do VaiBus ou o servizo municipal de bicicletas do VaiBike.
O servizo de bus ao Hospital ofrece sete servizo de ida e sete de volta entre as 7:30 e as 14.00 horas de luns a venres. O prezo do billete é de 1,35 euros. O punto de partida é a dársena do Cavadelo e ten paradas na rúa San Roque; na recta de Rubiáns, á altura do cemiterio; e na mesma estrada, no cruce para Rubiáns e Zamar. O autobús é facilmente identificable pola rotulación da carrocería, cunha grande cruz vermella ou no seu caso, por carteis no frontal.
Hos horarios son: IDA (Vilagarcía-Hospital): 7.30, 8.30, 9.30, 10.30, 11.30, 12.15 e 13.30 horas; VOLTA (Hospital-Vilagarcía): 8.15, 9.15, 10.15, 11.15, 12.15, 12.40 e 14 horas.