SERVIZOS SOCIAIS
O Concello disporá dunha praza na residencia Divina Pastora para casos de emerxencia social O Concello de Vilagarcía terá unha praza reservada na Residencia de Anciáns Divina Pastora para atender situacións de emerxencia detectadas polos Servizos Sociais Municipais. A proposta presentada polo Concello abordouse na reunión do padroado da Fundación do Asilo Hospitalillo celebrada a semana pasada e plasmarase no convenio que a administración local xa viña firmando anualmente coa entidade e mediante o cal colabora no seu financiamento cunha achega de 15.000 euros.
30.05.2017.- A praza reservada para situacións de emerxencia social estará dispoñible este mesmo ano, unha vez que se asine o devandito convenio. Segundo este acordo, a Residencia comprométese a ter unha cama reservada e a disposición do Concello de Vilagarcía. Esta praza sería ocupada naqueles casos que previo informe acreditado dos Servizos Sociais Municipais, sexan remitidos dende o Concello por razón de urxencia/ emerxencia cando así o aconsellen razóns de interese público debidamente documentadas, obxectivadas e valoradas por parte dos técnicos municipais que conleven unha situación de desamparo, abandono e desprotección; malos tratos físicos e/ou psíquicos ou situacións de risco grave e inminente para a integridade física ou psíquica da persoa afectada e sempre e cando non dispoñan dun aloxamento alternativo que cubra as necesidades máis elementais e urxentes, garantindo a súa protección.
A ocupación da praza non é definitiva, posto que a súa finalidade é cubrir estas situacións de urxencia e garantir o benestar da persoa en tanto non se resolve a incidencia temporal, se lle busca unha solución definitiva ou se deriva a outras administracións ou servizos.