EDUCACIÓN
O Concello ofrece colaboración ás ANPAs para o desenvolvemento dos Plans Madruga A Concellería de Educación abriu hoxe o prazo para que as ANPAS dos centros educativos do municipio soliciten ás axudas que concede o Concello para contribuír ao financiamento dos Plans Madruga para o ano en curso. As subvencións ascenden a un máximo de 100 euros mensuais e para que poidan chegar a todas as asociacións que presten o servizo de conciliación, a diferenza do ano anterior, nesta ocasión non se esixe un número mínimo de participantes.O prazo para solicitar as axudas para o período comprendido entre xaneiro e xuño remata o 9 de xuño. Posteriormente abrirase un novo prazo para realizar o trámite correspondente as Plans Madruga de setembro a decembro.
18.05.2017.- A Concellería de Educación xa remitiu a información e bases da convocatoria xa foron a todas as ANPAS do municipio. As axudas están dirixidas aos centros do municipio de Educación Infantil e Primaria sostidos con fondos públicos e para os obradoiros de mañá que estean atendidos por persoal especializado no que os nenos realicen actividades lúdico educativas como pintura, lectura, xogos tradicional ou reciclaxe entre outras.
O departamento que dirixe Argimiro Serén, dispuxo para o presente ano unha partida de 10.000 euros destinados a financiar os Plan Madruga. Dado que a convocatoria faise por ano natural como os orzamentos (non por curso escolar) resérvanse 6.000 euros para o tramo final do actual curso (de xaneiro a xuño) e 4.000 para o primeiro trimestre do próximo curso (de setembro a decembro)
O Plan Madruga é unha medida de conciliación da vida familiar e laboral que normalmente prestan as ANPAS dos centros educativos. O goberno socialista recuperou o ano pasado as axudas para financiar estes plans por considerar que se trata dunha medida de apoio vital para a prestación dun servizo necesario. Grazas e esta iniciativa, as familias cuxos proxenitores entran a traballar antes do inicio da xornada escolar, poden deixar aos seus fillos nos centros educativos ás oito da mañá, atendidos por monitores ata a hora de entrada ás aulas. A convocatoria enmárcase nas políticas sociais que están a marcar a acción do goberno de Varela Paz.
As bases están penduradas no taboleiro de anuncios desta web xunto cos formularios de solicitude e xustificación dos gastos.
Cinco colectivos subvencionados en 2016
O ano pasado accederon ás axudas municipais para financiar o Plan Madruga, cinco ANPAS. No primeiro período (de xaneiro a xuño) recibiu subvención a ANPA Dr. Fleming do Anexo A Lomba, mentres que no segundo (de setembro a decembro) foron cinco os colectivos que accederon ás axudas. Foron as ANPAs do Piñeiriño, Escardia, Dr. Fleming, A Lomba e Rosalía de Castro.