CONSUMO
A Oficina Municipal de Información ao Consumidor tramitou unha media de unha reclamación ao día en 2016 Unha reclamación por día é a media da actividade desenvolvida o ano pasado pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) de Vilagarcía. Na memoria anual, o servizo apunta que en 2016 tramitáronse un total de 365 reclamacións, tantas como días ten o ano, a maiores das 1.388 consultas realizadas polos consumidores que acudiron ás dependencias municipais. A telefonía móbil segue sendo o sector que orixina máis consultas e reclamacións, seguido este ano polos servizos financeiros que, como consecuencia da sentencia das cláusulas solo, desbancou do segundo luar aos servizos de electricidade.
22.03.2017.- En todo caso, os servizos xeran dez veces máis problemas aos consumidores que os produtos xa que no primeiro o persoal da OMIC atendeu 1.195 consultas e dou curso a 302 reclamacións, fronte ás 193 consultas e 63 queixas motivadas por produtos.
A telefonía móbil segue sendo a cabeza da lista na memoria da OMIC, tanto no que se refire ao apartado de servizos (274 consultas e 96 reclamacións) como no de produtos (72 consultas e 21 reclamacións). Como dato coxuntural cómpre salientar o incremento das consultas relativas á banca e servizos financeiros (232) en relación a anos anteriores, especialmente no último trimestre do ano, como consecuencia da sentencia anulatoria das cláusulas solo das hipotecas. Neste punto, tramitáronse 6 reclamacións.
O sector da Electricidade é outro dos clásicos nas memorias da OMIC. Aínda que en 2016 pasou a un terceiro posto, foron un total de 149 as consultas orixinadas en relación a servizos eléctricos e 56 as queixas tramitadas.
A conflitividade a nivel consumidores da telefonía non se limita á móbil. A fixa tamén xera bastante actividade na OMIC onde no apartado de servizos rexistraron por este concepto 89 consultas e 29 reclamacións.
Os seguros (81 consultas) o aluguer de vivenda (44 consultas e 1 reclamación), o gas (32 consultas e 7 queixas), os servizos de internet (31 consultas e 6 reclamacións) ou a reparación de automóbiles (26 consultas e 5 reclamacións) son outros dos sectores que figuran na parte superior do apartado de servizos da memoria da OMIC onde, dun xeito menos significativo, tamén aparecen o transporte aéreo, o comercio electrónico, servizos profesionais, servizos postais, gasolineiras, ferrocarril, venda a distancia, intermediación inmobiliaria, axencias de viaxe, ou aluguer de automóbiles.
Pasando ao bloque de produtos e insistindo no dato xa facilitado dos teléfonos móbiles (72 consultas e 21 reclamacións), a lista complétase a bastante distancia coa compra de electrodomésticos (22 consultas e 4 queixas), roupa (18/7), produtos informáticos (16/3), calzado e complementos (14/8) e automóbiles (11/4). Residuais foron as iniciativas motivadas por produtos como a alimentación, xoguetes e mobles.
A OMIC de Vilagarcía ofrece información, axuda e orientación aos consumidores para o exercicio dos seus dereitos. Tamén se lles indican os centros públicos ou privados de interese aos que deben dirixirse para presentar determinado tipo de reclamacións previas ou que se tramitan directamente como a Dirección Xeral de Seguros, Banco de España, Instituto Galego de Consumo, Laboratorio de Consumo, etc.
O persoal da OMIC tamén se encarga de tramitar as reclamacións recibidas e rexistradas a través da aplicación telemática do IGC e de remitir as reclamacións a aos organismos ou entidades correspondentes.
A OMIC emprázase no entrechán do Concello, e funciona de luns a venres en horario de mañá. Os días de atención ao público son os luns, mércores e venres de 8:30 a 14.30 horas. Tamén se poden realizar consultas telefónicas e pedir cita chamando ao número 986 099 200 extensión 222.