CONCELLO
A firma de Sanxenxo Inelsa construirá a Escola Infantil de Vilaxoán O goberno local de Vilagarcía dou onte un novo paso para dotar ao municipio da súa terceira gardería pública. A Xunta Local de Goberno acordou onte adxudicar a construción da nova escola infantil á empresa de Sanxenxo Inelsa por importe de 589.000 euros. A construción do equipamento educativo poderá iniciarse tan pronto como se presente a documentación requirida para proceder á firma do contrato. O Concello financia integramente a obra con parte dos fondos provinciais que lle corresponderon en 2016 e dos cales reservara 701.440 euros para esta necesaria e demandada actuación.
21.03.2017.- A Escola Infantil de Vilaxoán construirase sobre a parcela municipal de 2.975 metros cadrados situada entre o lavadoiro e o campo municipal de fútbol. Este emprazamento garante a perfecta comunicación e accesibilidade ás instalacións a partir de dúas rúas diferentes, así como o espazo suficiente para dispor dun aparcamento público para dar servizo ao centro e zonas verdes na parte frontal.
O proxecto redactado polo Arquitecto Iago Fernández Puentes, da Oficina Municipal de Vivenda, destaca pola máxima funcionalidade do edificio, perfectamente adaptado ás necesidades que ten un servizo de atención e coidado de nenos e nenas de 0 a 3 anos de idade. As instalacións Terán unha capacidade máxima de 82 prazas divididas en 6 aulas, aínda que en principio habilitaranse cinco (dúas de bebés, dúas para cativos de 0 a 1 ano; e unha para os de 2 a 3 anos).
O edificio manterá a tipoloxía típica do casco mariñeiro, ao que dará continuidade, edificándose segundo un deseño modular no que se respectan os volumes e estética das casas da tradicionais da ARI de VIlaxoán.