SERVIZOS SOCIAIS
O Concello cede un piso a Cruz Vermella para o acollemento integral de refuxiados con protección internacional O Concello de Vilagarcía cederá a Cruz Vemella o uso temporal dun piso de propiedade municipal para o programa integral de acollemento de persoas refuxiadas con protección internacional que desenvolve a organización social. Para regular a cesión temporal da vivenda asinarase un convenio de colaboración. Con esta medida, o goberno socialista, por un lado honra e cumpre a vontade de Juana Melón García, que mediante testamento doou o piso ao Concello para ser destinado a fins sociais e polo outro, colabora cunha causa humanitaria de dimensión internacional.
04.03.2017.- A sinatura deste convenio chegou a través do contacto permanente da Concellería de Servizos Sociais coas ONGs do municipio mediante o que se tivo coñecemento da necesidade de Cruz Vermella Salnés de contar cunha vivenda para poder dar cumprimento ao acordo acadado entre Cruz Roja Española e o Ministerio de Interior do Goberno de España en relación ao acollemento a refuxiados en réxime de protección internacional; e ante a circunstancia de que o Concello dispoñía deste piso. A medida segue a liña dos protocolos de actuación que Vilagarcía se ofreceu a seguir a finais de 2015 a través da FEGAMP e a FEMP como Cidade Acolledora para refuxiados.
O convenio establece que o Concello cede de forma totalmente gratuíta a Cruz Vermella o piso durante un período de 12 meses, prorrogables co obxectivo de de ofrecer unha residencia normalizada ás persoas beneficiarias do programa do Ministerio.
Pola súa banda, a organización social comprométese a cubrir as necesidades básicas dos destinatarios do programa e proporcionarlles ferramentas para a súa integración social a través da atención social individualizada, aloxamento e manutención, alfabetización e aprendizaxe do castelán, obtención de documentación e elaboración dun itinerario de inserción socio-laboral.