CONCELLO
Varela traslada aos veciños a proposta que realizará a Augas de Galicia para rematar a obra do río do garaxe O alcalde de Vilagarcía, Alberto varela, recibiu esta mañá no Concello aos representantes das comunidades de propietarios dos edificios por cuxos garaxes discorre un tramo de río canalizado. A xuntanza tiña por obxectivo explicar aos afectados a última resolución de Augas de Galicia que exime á promotora Vicando de financiar a última fase da obra acordada para solucionar o problema, así como para darlles a coñecer a proposta que o Concello trasladará ao organismo autonómico para poñer fin dunha vez por todas a un longo conflito e aos prexuízos que sofren os veciños.
30.11.2016.- A resolución da Xunta comunicada hai uns días ao Concello declara a caducidade do procedemento aberto á empresa promotora do edificio e autora das obras de canalización do río, Vicando SL. A xustificación dos propios servizos xurídicos da Xunta e que a resolución pola que se lle obrigaba á empresa a realizar a segunda parte do proxecto de canalización do río foi ditada "fóra do prazo máximo dun ano legalmente establecido". Polo tanto, a administración autonómica admite o recurso de alzada presentado por Vicando e resolve a caducidade do expediente.
O alcalde tamén informou aos veciños que xa reiterou a petición reunión co presidente de Augas de Galicia cursada en xuño pasado, pero agora con carácter urxente, tendo en conta os últimos acontecementos.
Cómpre lembrar que as obras que quedan por facer para desviar o leito dos garaxes dos edificios e que debería pagar Vicando corresponden á terceira fase dun proxecto financiado a tres bandas. As dúas fases anteriores, as que tiveron que financiar Augas de Galicia e o Concello de Vilagarcía, levan executadas dous anos.
Dado o importante investimento realizado con fondos públicos e co obxecto de non causar máis prexuízos aos afectados, o alcalde proporá á Xunta que a obra se remate mediante a colaboración económica entre ámbalas dúas administracións e que, de forma paralela se segua preiteando para que sexa Vicando que teña que resarcir despois á administración. Trátase dun procedemento similar aio que o actual goberno seguiu para desbloquear conflitos enquistados como o da urbanización da Rúa Ibérica en Carril ou o da Casa do Castro, onde como neste caso, había terceiros gravemente afectados e que nada tiñan que ver coa problemática creada.