CONCELLO
Os cemiterios municipais amplían o horario de apertura a véspera e o Día de Todos os Santos Os dous cemiterios de titularidade municipal de Vilagarcía (o de Carril e o da recta de Rubiáns) amplían o seu horario de apertura ao público a véspera e o Día de Todos os Santos co obxecto de facilitar as tarefas de limpeza e adorno dos nichos, así como das visitas que se levan a cabo nesta tradicional conmemoración. Ademais, o Concello remata mañá a posta a punto dos camposantos para que presenten a súa mellor cara e dispoñan de todos os servizos precisos nestes días nos que se reciben milleiros de visitas.
27.10.2016.- O horario habitual de funcionamento dos cemiterios municipais na temporada de outono -inverno é de 9 da mañá a 7 da tarde. O luns, 31 de outubro, o horario flexibilízase, adiantando a apertura unha hora e pospoñendo o peche outra a efectos de que a xente dispoña de máis tempo para realizar as labores de limpeza e adorno dos nichos nos que descansan os seus familiares e seres queridos. Abrirase pois ás 8 da mañá e pecharase ás 8 da tarde. O día 1 de novembro, festivo de Todos os Santos, o horario será aínda maior (de 8 da mañá ás 10 da noite) para dar maior marxe ás visitas da xente que vai a honrar aos seus mortos.
A campaña especial de posta apunto dos cemiterios municipais que o Concello leva a cabo anualmente de cara a esta conmemoración comezou xa hai uns días e está previsto que remate mañá. Os traballos realizados por operarios dos servizos de Cemiterios, Xardíns, Medio Ambiente e Electricidade consistiron en complementar as tarefas ordinarias de limpeza e xardinería que se levan a cabo de forma habitual, coa reposición de grao de pedra nos camiños e pequenos arranxos que se puideran detectar, por exemplo no sistema de iluminación, xa que o días de Todos os Santos e o horario de apertura amplíase ata a noitiña e co cambio de hora a realizar este sábado, os días fanse máis curtos.
Ademais, a empresa concesionaria do servizo de limpeza, Cespa encargouse da corta de herba das cunetas das principais vías que conducen aos camposantos, tanto municipais como parroquiais.