CONCELLO
O Concello celebra o Día da Restauración da Memoria Lingüística honrando ás persoas que mantiveron a lingua O Concello de Vilagarcía conmemora mañá, venres, 29 de outubro o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia coa celebración dun acto no cemiterio municipal de Carril. A celebración promovida polo Servizo de Normalización Lingüística terá lugar ás 12 do mediodía e consistirá no descubrimento dunha placa na memoria das persoas que alí xacen na que se recolle o lema “Grazas a elas, Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”. O alcalde, Alberto varela, presidirá o acto.
27.10.20116.- A idea de celebrar deste xeito o a Restauración da Memoria Lingüística par5et da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e a ela se suman dende hai xa uns anos, numerosos concellos de Galicia, entre eles o de Vilagarcía. De feito, o cemiterio municipal de Rubiáns, e o parroquial de Vilaxoán xa contan coas súas respectivas placas.
Baixo o lema de “En Galego, agora e sempre” o colectivo elaborou unha declaración institucional asinada polos Concellos Galegos nos que explica a causa desta celebración, que non é outra que ao igual que na “aldea dos vivos se fala en galego”, unha vez mortos os seus habitantes se respecte tamén o idioma no que falaban, mantendo o galego como lingua de expresión nos epitafios das lápidas mortuorias nas “aldeas dos mortos” que na súa maioría están escritas en castelán. Trátase pois de poñer fin a unha “contradición con motivacións históricas que evidencia a marxinación social da lingua galega e que agocha a identidade lingüística de noso pobo”. O colectivo sinala que só unha de cada mil lápidas dos cemiterios galegos está escrita en galego e unicamente o 2% das esquelas publicadas nos medios de comunicación aparecen no noso idioma, engadindo que “é absurdo anunciar o pasamento dunha persoa nun idioma que non era o propio nas súas relacións. Estas porcentaxes contrastan coas doutras comunidades autónomas, xa que en Cataluña e no País Vasco as esquelas e lápidas están escritas maioritariamente nas súas respectivas linguas.
Esta campaña persegue promover que as lápidas existentes se vaian cambiando por outras cos textos en galego e que as de nova colocación xa vaian escritas na nosa lingua. Segundo se recolle na declaración dos concellos “é obriga moral dos sucesores perpetuar a memoria lingüística dos seus devanceiros, restituíndolles a súa identidade”.