XUVENTUDE
A Concellería anima á mocidade a aprender a cociñar no curso “A cociña da avoa” A Concellería de Xuventude anima á mocidade de Vilagarcía a prender a cociñar a través do curso “A Cociña da Avoa” que se celebrará a primeira semana de setembro a través do programa DepoRuarte, da Deputación Provincial. Trátase dunha actividade gratuíta destinada a mozos e mozas de 14 anos a 30 anos e para a que se dispón de 20 prazas. O prazo de inscrición ábrese o mércores, 24 e péchase o día 31 de agosto.
22.08.2016.- As persoas interesadas deben presentar a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello dentro do prazo sinalado e en horario de 9 a 14 horas. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Terán preferencia os mozos e mozas de 14 a 30 anos, pero de quedar prazas libres, tamén poderán acceder maiores desta idade.
Con este curso, a Concellería de Xuventude pretende incluír novas temáticas ás alternativas formativas e de ocio e que resulten de interese para a mocidade. Neste, os alumnos aprenderán a preparar algunhas receitas da variada e rica cociña tradicional galega, ademais de tomar contacto con diferentes técnicas culinarias de uso tradicional e coñecer as últimas tendencias na preparación de pratos tradicionals cun toque moderno.
O curso celebrarase o 5 ao 9 de setembro en horario de mañá.