FESTAS
As Revenidas de Vilaxoán ofrecen este ano 30 concertos e 40 actividades de balde para todos os públicos A praia do Preguntoiro, foi o lugar escollido para a presentación oficial da 13 edición do festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán entre os días 19 e 21 de agosto. Esta praia atópase no entorno onde se celebrarán máis de 30 concertos, os principais de pago, e ao redor de 40 actividades de balde para todos os públicos. Moitas son as novidades da edición máis completa do Festival das Línguas, con gastronomía, circo, feira de creatividade e artesanía, obradoiros, o Xoubiñas Festi para os máis pequenos, solidariedade e compromiso reflectidos no logotipo desta edición deseño do autor gráfico David Lages. E por suposto música, moita música. As persoas asistentes ao Revenidas16 poderán escoitar cancións en galego, castelán, catalán, euscara, inglés, portugués, austriaco, ruso, rumano ou italiano.
30.06.2016. O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, agradeceu "a todas as persoas que se implican e ás autoridades que fan posible que isto sexa unha realidade. Este é un festival que xa é unha referencia. E a vila mariñeira de Vilaxoán polo carácter da súa xente é un atractivo propio para asistir ao festival".
A Deputación de Pontevedra promotora dos Festivais Rías Baixas, a marca que acolle aos 7 principais festivais da provincia no que se inclúe Revenidas, estivo representada pola súa presidenta, Carmela Silva. "O mellor que temos as persoas e as Administracións Públicas son as ideas. Aquí, celebramos esta gran idea que pon en valor a cultura que nos fai únicos e representa un gran atractivo que só nós somos" argumentou Carmela Silva, que engadiu: "Revenidas pon en relevo a lingua e a nosa cultura, a música, pero tamén o encontro, a convivencia e uns espazos tan fermosos abundantes en Vilagarcía e en moitos lugares do Salnés".
O director de AGADIC, a Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, admitiu que "para min é unha alegría participar na presentación dun evento no que vimos colaborando nos últimos anos, como outros eventos nos que colaboramos e que veñen dinamizando a industria cultural en Galicia. Revenidas constitúe unha simbiose perfecta entre a cultura popular máis a tradición e a modernidade, un festival aberto ao mundo".
Sonia Outón, concelleira de Cultura de Vilagarcía, destacou que "Revenidas é máis que un festival, é música, cultura propia, solidariedade e gastronomía". Ademais nesta edición haberá actividades vencelladas ao ano Castelao, intervencións plásticas, contos e obradoiros. O deputado Cultura Deputación Pontevedra Xosé Leal subliñou o compromiso do Festival "coa nosa lingua, referencia para outros festivais".
Por parte da organización falou Xoán Quintáns, que destacou "a completa programación de actividades para todos os públicos, nun entorno que convida ao disfrute do mar, gastronomía, música e amizade". Por segundo ano consecutivo, Mahou continúa coma un dos principais patrocinadores do Festival As Revenidas. Nesta ocasión, ademais do Escenario Mahou, a marca contará cunha Zona Mahou onde se desenvolverán distintas actividades que completarán a oferta de lecer de Revenidas16 e onde os asistentes poderán disfrutar das cañas mellor tiradas. Una colaboración que se enmarca na aposta de Mahou polo lecer e entretemento innovador.
Xoán Quintáns lembrou que o festival arrinca este venres 1 de xullo a partir das 21:30 na praza da Peixería en Vilagarcía coa final do III Concurso de Grupos Emerxentes Revenidas. Unha actuación no que tocarán as bandas viguesas Lamprea Explosiva e Os Vacalouras, Leda Atómica de Cambados, Canto Crú de Vilagarcía e Skalingrado de Ourense. Os grupos optarán a algún dos dous premios do concurso.
O prezo dos bonos para os tres días estará a 30 euros ata o 1 de xullo. Posteriormente irán aumentando a cantidade. A programación completa do festival e algunhas Sorpresas por anunciar daranse a coñecer na web do festival, http://www.revenidas.com
Entre as bandas destacadas, unha das mellores bandas balcánicas de todos os tempos, Fanfare Ciocarlia, un dos rapeiros máis importantes da música brasileira da última década, Gabriel O Pensador, a diversión e o ska dos italianos Talco, o rock reinvidicativo dos exitosos La Raíz ou a contundencia e diversión da actual banda austríaca con máis repercusión internacional, Russkaja.
A programación de concertos de pago complétase con:
Venres 19 agosto: Gabriel O Pensador, Itaca Band, Juantxo Skalari & La Rude Band, Malandrómeda, Familia Caamagno, Poetarras , Brinkadelia Troupe, Dj Crebinsky.
Sábado 20 agosto: Fanfare Ciocarlia, Talco, O Sonoro Maxín, Aspencat, Falperrys, La Kimbala Rumba Style, Dj Pimp.
Domingo 21 agosto: La Raíz, Russkaja, Zoo, Cuchufellos, Tres Trebóns, Ezetaerre, Delombaos, Gañador Concurso Emerxente Rías Baixas.