OBRAS E SERVIZOS
O Concello acomete a posta a punto de 17 parques infantís do rural e a periferia O plan anual de mantemento e mellora dos parques infantís que o Concello puxo en marcha no mes de marzo cunha dotación total de 95.000 euros, entra o luns na fase de posta a punto de 17 áreas de xogos situadas en zonas da periferia e o rural. Os traballos foron adxudicados á empresa HPC Ibérica por 56.144 euros e comezan a executarse o luns.
27.05.2016.- As melloras a levar a cabo nesta segunda fase do plan afectarán aos parques de San Roque, Celso Emilio Ferreiro, Santa Ana, Matosinhos, Invisa O Pasto, A Torre, O Preguntorio, Renza, O Rial, Fontecarmoa, Carballeira dos Borrizos, O Sixto, O Souto-Rubiáns, A Igrexa, Pumariño, O Salgueiral e San Xoán-Bamio.
Consistirán en arranxos, labores de mantemento e conservación, limpeza e pintado de elementos. Posteriormente, nunha fase posterior, procederase a colocación de máis xogos e proseguirase coa instalación de xogos adaptados.
Traballos previos A primeira actuación realizada a través deste plan anual de mantemento e mellora dos parques infantís municipais, levada a cabo no mes de marzo, beneficiou ao parque infantil de Dona Concha, en Vilaxoán, que gañou superficie ao integrar na área de xogos o espazo intermedio entre as zonas nas que se dividía e onde se instalou un xogo combinado con tobogáns, elementos de escalada e paneis.
Na zona infantil da Alameda de Carril, instaláronse dous novos elementos (un asento barca e un carrusel de integración para facilitar o xogo entre rapaces con e sen dispacidades) e colocáronse unhas canastras na zona contigua para nenos de maior idade. Tamén se mellorou a iluminación do parque infantil de Ravella e no de Dona Concha e se procedeu á colocación dos primeiros columpios adaptados na Xunqueira, Carril e Vilaxoán.