EMPREGO
O Concello abre o prazo para solicitar as axudas municipais para a creación de empresas A Concellería de Promoción Económica abre mañá o prazo de presentación de solicitudes para acceder ás axudas municipais para a creación de empresas. O departamento que dirixe Juan Antonio Pérez Callón dispón dunha partida de 42.000 euros para contribuír á posta en marcha ao longo deste ano 2016 de novas pequenas e medianas empresas. As bases da convocatoria saen publicadas no BOP de hoxe xunto cos requisitos que se deben cumprir para acceder as axudas, os formularios de solicitude e a documentación a presentar polos interesados.
16.05.2016.- O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 1 de decembro deste ano ou ata que se esgote a partida orzamentaria. O programa de Axudas á Creación de Empresas é unha iniciativa do Concello de Vilagarcía que ten como obxectivo colaborar de forma activa na xeración de emprego no municipio apoiando a posta en marcha de novos proxectos empresariais.
Poderán acollerse a este programa os negocios que se enmarquen no apartado de PEME, con sede fiscal e social en Vilagarcía e que inicien a súa actividade empresarial entre o 1 de xaneiro e o 1 de decembro e 2016.
O importe máximo das axudas é de 2.000 euros por proxecto que se conceden a fondo perdido e coa finalidade de subvencionar os gastos extraordinarios que xera a constitución e posta en marcha da empresa, así como gastos de aluguer, vehículo industrial, aplicacións informáticas, primas e seguros, gastos correntes e ata dereitos de propiedade intelectual.
As axudas tramitaranse en réxime de concorrencia non competitiva e son compatibles con calquera outra axuda ou subvención concedida por empresas públicas ou privadas sempre que o importe total das mesmas non supere o custo dos gastos.