CONCELLO
Concello e Xunta analizarán conxuntamente a sentencia do TS sobre os fondos do Luz Salgada O goberno de Vilagarcía considera que a sentencia do Tribunal Supremo en relación aos fondos do programa Luz Salgada é unha “excelente noticia” tanto para Vilagarcía como para Galicia, xa que dirime un conflito competencial a favor da administración autonómica. En canto á repercusión que o fallo terá no ámbito municipal, en base ao fronte común aberto no seu día entre Concello e Xunta en contra á resolución estatal que esixía a devolución dos fondos non investidos, o executivo local aposta por analizar o asunto conxuntamente para decidir as medidas a adoptar ao respecto.
Alberto Varela solicitou esta mesma mañá unha entrevista coa secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro, a efectos de estudar xuridicamente o fallo ao recurso de casación interposto polo departamento autonómico, concretar como se podería executar a sentenza e os pasos a seguir a partir de agora. O rexedor socialista advirte que, polo momento, o único efecto inmediato que ten a decisión do Supremo é que o Concello xa non terá que seguir abonando ao Estado os xuros de demora do crédito do Luz Salgada, polo que os 185.000 euros reservados nos orzamentos de 2016 poderán destinarse a outras finalidades. A este respecto, e dado que xa se tiña abonado unha mensualidade de 23.000 euros correspondente ao mes de xaneiro, o Concello xa anunciou que solicitará ao Estado a súa devolución).
En canto aos 3.158.000 euros que non se chegaran a investir no Luz Salgada (e que xa foron reintegrados ao Estado), coa necesaria cautela, Varela Paz explica que aínda haberá que analizar si a sentenza fai posible a súa recuperación por parte do Concello e, de ser así, si se faría nas vantaxosas condicións nas que fora concedido no seu día polo ICO, cun interese simbólico do 0,5% a amortizar en 15 anos. Concretados estres dous aspectos, o Concello tería que estudar posteriormente a viabilidade económica de asumir a operación de crédito cumprindo co Plan de Axuste.
Si finalmente, e en base a estes criterios, se decide recuperar o crédito habería que tratar co organismo competente, neste caso Turismo da Xunta, a posibilidade de cambiar a finalidade e mesmo o ámbito dalgunhas das actuacións inicialmente previstas no proxecto Luz Salgada para adaptar os investimentos ás necesidades actuais da cidade, sempre mantendo o espírito do programa ao abeiro do que foron concedidas as axudas, o FOMIT cuxos fondos destinábanse á mellora de infraestruturas en municipios turísticos maduros.
O alcalde advirte que aínda queda bastante camiño por andar antes de chegar á conclusión final, pero asegurou que o goberno local fará todo o posible para non perder esta oportunidade de investimento tan necesaria para Vilagarcía.
En breve podería coñecerse tamén a resolución do contencioso presentado por Ravella contra a decisión do Estado respecto á devolución dos Fondos do Luz Salgada, un fallo que o goberno confía en que sexa tamén positivo para Vilagarcía dado que se se baseaba nos mesmos argumentos que os esgrimidos no recurso presentado pola Xunta de Galicia ante o Supremo.
Agradecemento ao Supremo e responsabilidades a Fole
En canto ás declaracións realizadas polo voceiro do PP, o alcalde engade que o único agradecemento que corresponde é aos xuíxes do Tribunal Supremo, pola súa cordura á hora de interpretar e aplicar as leis. Alberto Varela lémbralle ao popular que “durante os catro anos que gobernou en Vilagarcía con maioría absoluta amosou a súa completa incapacidade para gastar máis de 3 millóns de euros cando Vilagarcía adoecía de investimentos urxentes e necesarios e o Concello estaba falto de fondos”.