OBRAS E SERVIZOS
O Concello mellora a iluminación das zonas de xogo infantís nos parques A redución de horas de luz durante os meses de outono e inverno unido á escasa iluminación pública dalgunhas das zonas de xogos infantís do municipio estaban a impedir ou dificultar a utilización das mesmas por parte dos nenos e nenas da cidade. O Concello está poñendo solución a esta carencia dotando de máis puntos de luz aos parques infantís. Xa se actuou no Parque de Dona Concha, en Vilaxoán, e no Miguel Hernández, e está previsto continuar polo de Ravella.
26.11.2015.- Esta actuación estase a facer como consecuencia da auditoría ao estado das zonas infantís que está a realizar a Concellería de Parques e Xardíns para ir programando as tarefas de mantemento, conservación e mellora que sexa preciso ir realizando.
As boas temperaturas rexistradas durante o que vai de outono xunto coa escasa choiva permitiu que os nenos e nenas pasasen máis tempo nas rúas e fixo máis evidente a necesidade de mellorar a iluminación das zonas infantís de xogos. A medida tamén foi demandada por algúns pais e nais que advertían que a falta de luz impedíalles controlar aos nenos e supoñía certo risco para os cativos que podían tropezar e magoarse; polo que para evitar problemas evitaban usar as instalacións á tardiña. A mellora da iluminaico´n tamén pode actuar como elemento disuasorio para os mozos que acoden a eles a facer botellóns polas noites ou a provocar estragos.
O Servizo de Alumeado en colaboración co de Parques e Xardíns encargouse de buscar solucións, en primeiro lugar á zona infantil do Parque Dona Concha, onde as familias xa demandaran a medida ao anterior equipo de goberno. Para resolver a situación aproveitáronse os báculos dos farois que iluminan a zona verde para fixar reflectores apuntando ao parque infantil que queda a escuras.
O mesmo sistema se utilizou no Parque Miguel Hernández, onde a falta de iluminación artificial era especialmente notable na zona de xogos dos nenos máis maiores. Tamén aí se aproveitaron os postes dos farois situados no perímetro da zona de xogos pero que dan luz cara o paseo e os xardíns, para fixar reflectores apuntando á area infantil.
A seguinte actuación levarase a cabo na zona de xogos de Ravella, unha das peor iluminadas. A intención da concellería que dirixe Lino Mouriño é realizar as actuacións de mellora e mantemento dos parques infantís e de reposición de pezas de xogos a medida que se vaian detectando e xeito permanente ao longo do ano.